Os 31 anos do bosque de secuoias que puxo Poio no radar de Estados Unidos

Poio
09 de decembro 2023

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, convidou a todo o mundo a visitar este bosque este Nadal e destacou o carácter "absolutamente único" deste espazo, "unha xoia do noso patrimonio polo seu valor cultural, histórico e natural" que en decembro de 1992 pasou a ser a maior plantación desta especie en Europa

Rocío Cochón, no Bosque de Colón
Rocío Cochón, no Bosque de Colón / Concello de Poio

Poio conmemora o 31 aniversario do denominado Bosque de Colón, unha plantación de 500 exemplares de secuoia vermella no Monte Castrove realizada en decembro de 1992 e que pasou a ser a maior plantación desta especie en Europa.

O Goberno de Poio aproveita a efeméride para convidar á poboación a visitar "unha xoia do noso patrimonio polo seu valor cultural, histórico e natural".

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, convidou a todo o mundo a visitar este bosque este Nadal e destacou o carácter "absolutamente único" deste espazo, que se atopa situado na ladeira do Castrove, en terreos da Comunidade de Montes de San Xoán.

As 500 secuoias que o forman foron un agasallo do goberno dos Estados Unidos a España en conmemoración do V Centenario da primeira viaxe de Colón, e constitúen o maior bosque de sequoia sempervirens de Europa por extensión (2,5 ha), con exemplares que superan xa os 20 metros. Esta especie pode vivir ata 1.000 anos e acadar os 115 metros.

As árbores foron plantadas conxuntamente por mozos e mozas de Poio e outros 25 adolescentes chegados desde distintas partes de Estados Unidos baixo a dirección do profesor John H. McElroy e ao amparo do presidente George H. W. Bush, a Cámara de Representantes e o Senado americanos, o Estado de California e outras institucións públicas e privadas.

Os Columbus Kids (nome polo que se coñece aos adolescentes de ambos países que participaron na creación) plantaron as secuoias en decembro de 1992, no que foi oficialmente o derradeiro acto do V Centenario en España, convertindo este espazo "nun anaco de América en Poio e un símbolo eterno do encontro entre o Novo Mundo e o Vello Mundo e a amizade entre os pobos".

Cochón reivindica o Bosque como "un tesouro que hai que coñecer e conservar, unha peza especial no obxectivo de consolidar Poio como un referente de turismo sostible e de calidade". 

A edil destacou que na súa inauguración, en 1992, o profesor McElroy vaticinou que, cos séculos, "o Bosque se convertería nunha Catedral viva á que peregrinarían como a Compostela". Na actualidade, o número de turistas e peregrinos estadounidenses aumenta cada ano e tamén cada vez máis os visitantes de todas partes veñen a Poio para ver o Bosque de Colón.