Os 22 novos deputados por Pontevedra, sete caras coñecidas e 15 de estrea: repiten Rueda e Bará, entra Espinosa

Pontevedra
19 de febreiro 2024

No PP, hai 2 caras xa coñecidas e os outros 9 son novas incorporacións. No BNG, estréanse 4 e estréanse outros tantos. No PSOE estréase dous e repite unha. Os números 1 de PP e BNG repiten mentres que no PSOE estréase

Alfonso Rueda, Elena Espinosa e Luís Bará
Alfonso Rueda, Elena Espinosa e Luís Bará

O novo Parlamento que saíu das urnas este domingo 18 de febreiro ten máis caras novas que vellos coñecidos. Dos 75 deputados electos en toda Galicia, 39 estréanse nesta lexislatura. Deles, 15 son na provincia de Pontevedra. 

Pontevedra designa 22 representantes na Cámara galega, e, nesta ocasión, 15 son novos e 7 repiten.

A distribución do hemiciclo será: 11 do Partido Popular, 8 do BNG e 3 do PSOE. No PP, hai 2 caras xa coñecidas e os outros 9 son novas incorporacións. No BNG, estréanse 4 e repiten outros tantos. No PSOE incorpóranse dous e repite unha. 

Esa renovación non é tanto entre os cabezas de lista. Os números 1 de PP e BNG repiten, Alfonso Rueda e Luís Bará, mentres que no PSOE estréase Elena Espinosa, ex ministra e actualmente deputada en Vigo. No resto das novas, si hai máis novas incorporacións.

Así, por parte do PP, tan só repiten dúas caras. Ademais de Rueda, que será, de novo presidente da Xunta tras a votación no Parlamento grazas á maioría folgada de 40 deputados 'populares', tan só repetirá no escano Alberto Pazos.

Dos números 2 ao 5 son todo cara novas. Estréanse a empresaria viguesa Patricia García (2); a pontevedresa actual xefa territorial de Infraestruturas María Martínez (3); e os actuais conselleiros de Cultura e Educación, o lalinense Román Rodríguez (4), e de Sanidade, o vigués Julio García Comesaña (5). Román Rodríguez xa fora deputado, pero non na última lexislatura.

O número 6 repite, Alberto Pazos Couñago, que na última lexislatura exerceu como portavoz parlamentario, pero tras el regresan as caras novas.

Raúl Santamaría (7), un dos integrantes dos Mozos de Arousa; Marta Mariño Regueiro (8), de Vigo; María Dolores Hermelo (9), de Cangas; María Deza (10), de Sanxenxo; e o ex director xeral de Gandería, José Balseiros (11), de Cerdedo-Cotobade.

No grupo parlamentario do BNG é no que hai menos renovación, pois repiten catro dos oito deputados, a metade. Ademais do cabeza de lista, Luis Bará, tamén estaban xa na o anterior mandato os seua números 2, Montse Prado Cores; 3, Alexandra Fernández Gómez; e 4, Paulo Ríos Santomé.

As caras novas da lexislatura nacionalista chegarán a partir do número 5. Serán Carmela González Igrexas (5), Cristina Fernández Davila (6), Brais Ruanova Boasvilas (7) e Ariadna Fernández González (8)

No PSOE, dos tres deputados electos, todos son actualmente concelleiros en Pontevedra ou Vigo e só unha repite na Cámara. Trátase da número 3, Paloma Castro, xa parlamentaria no anterior mandato e actual concelleira en Pontevedra. 

Estréanse a cabeza de cartel, Elena Espinosa, e tamén Carlos López Font, concelleiro en Vigo e ex deputado na Deputación de Pontevedra. 

Arquivado en