Os 17 falecidos de tráfico de 2024, o "dato máis negativo" da seguridade na provincia para o subdelegado do Goberno

Pontevedra
09 de xullo 2024

A ciberdelincuencia é a especialidade delictiva que peor evoluciona, especialmente no ámbito urbano onde vén de producirse un "309% de incremento" (pasando de 289 denuncias a 1.148 ao comparar semestres). Losada insistiu en pedir "prudencia e responsabilidade" nas compras e operacións monetarias na Internet

Xunta Provincial de Seguridade de Pontevedra do 9 de xullo
Xunta Provincial de Seguridade de Pontevedra do 9 de xullo / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

A Xunta Provincial de Seguridade celebrada este martes na sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra puxo sobre a mesa dúas caras da mesma moeda no relativo á seguridade da provincia.

Así, durante o primeiro semestre do ano, as infraccións penais cometidas na provincia tan só medraron un "insignificante" 0,1%, pero tamén houbo unha preocupante cifra de sinistralidade viaria, con 17 falecidos durante os seis primeiros meses de 2024 nas estradas de Pontevedra. 

As dúas caras da moeda deunas a coñecer o subdelegado do Goberno, Abel Losada, despois de presidir a Xunta Provincial de Seguridade, na que participaron o comisario xefe da Policía Nacional, Juan José Díaz; o coronel da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal; e o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Piteira.

Losada manifestou a súa "satisfacción" polo dato de infraccións penais na provincia nestes seis meses, unha "realidade estatística obxectiva" que, na súa opinión, "contradin claramente a estratexia da dereita e da extrema dereita de presentar unha situación de inseguridade cidadá practicamente insufrible para o conxunto da cidadanía".

Neste campo, o subdelegado do Goberno quixo facer unha "chamada de atención á responsabilidade" para que se manteña unha posición "realista" en "cuestións sensibles pouco propicias á demagoxia" como a seguridade cidadá.

Ao mesmo tempo, recoñeceu que o "dato máis negativo" e que realmente lle "preocupa" como subdelegado é o de falecidos nas estradas. A Garda Civil de Tráfico rexistrou 17 falecidos no primeiro semestre do ano 2024 fronte aos 12 do primeiro semestre do ano anterior, é dicir cinco falecidos máis.

Deses 17 falecidos, nove, é dicir, máis da metade, eran motoristas, por iso é polo que o subdelegado anunciou que se vai poñer en marcha unha campaña específica na provincia dirixida aos pilotos de motocicleta "para chamar a atención e a prudencia na utilización das mesmas". 

O representante do Goberno da provincia pediu que os datos "francamente positivos" de criminalidade non poden facer esquecer que os meses de xullo e agosto son "o peor momento do ano" para a seguridade, pois o maior impacto do turismo, as actividades de lecer e as grandes aglomeracións de persoas fan que sexa "moi importante" estar atentos.

Entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño rexistráronse 15.825 infraccións penais polas 15.819 do mesmo período do ano pasado. Segundo Losada, estas cifras demostran que Pontevedra continúa sendo "unha provincia cuns altos estándares de seguridade".

Os datos da Policía Nacional relativos ás comisarías de Pontevedra, Vigo-Redondela, Vilagarcía e Marín apuntan a un leve incremento dun 2,1% dos delitos mentres que os datos da Garda Civil, que cubre o territorio rural, indican unha leve baixada dun 2,6%.

Como vén sendo habitual, a ciberdelincuencia é a especialidade delitiva que peor evoluciona, especialmente no ámbito urbano onde vén de producirse un "309% de incremento" (pasando de 289 denuncias a 1.148 ao comparar semestres). Losada insistiu en pedir "prudencia e responsabilidade" nas compras e operacións monetarias na Internet, que se están a converter nun "problema de primeira magnitude".