Organizan xuntanzas veciñais para estudar unha mellora do barrio de Altamira

Pontevedra
04 de xaneiro 2023

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, visitaba este mércores o barrio con arquitectas de Taller Abierto, que manterán un encontro coa veciñanza o xoves 12 de xaneiro para coñecer as demandas das familias que residen nas 280 vivendas situadas nesta zona da cidade

Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez falan mentres chegan residentes do barrio de Altamira
Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez falan mentres chegan residentes do barrio de Altamira

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, visitaba este mércores 4 o barrio de Altamira e rúas da contorna, un espazo céntrico de Pontevedra que para o rexedor se atopa nunha "situación claramente mellorable".

Lores estivo acompañado polos concelleiros Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, ademais de dúas arquitectas pertencentes ao estudo Taller Aberto. Elas encargaranse a partir do xoves 12 de xaneiro de iniciar encontros con residentes na zona para estudar as demandas veciñais e presentar alternativas coa intención de buscar unha "solución consensuada" para reformar a rúa.

África Martínez, arquitecta de Taller Aberto, explicaba que nesas reunións recollerán ideas para despois traducilas a linguaxe técnica nun plano ata chegar a elaborar un proxecto que permita desenvolver unha mellora do barrio con "calidade e cos servizos que precisa".

O Concello quere acometer un cambio nesta zona canto antes porque, segundo explicou Fernández Lores, hai xente nova e activa no barrio que "quere darlle unha mellora substancial" coa intención de mellorar a calidade de vida. 

David Pereira, representante veciñal, explicou que precisan unha actuación que axude á "dignificación do barrio" ao entender que se atopa ancorado no tempo.

Entre as intervención busca que se realice unha reforma con acabados de calidade, soterramento de instalacións e mellora dos xardíns, que se atopan nunha situación de "limbo" que queren aclarar para que o Concello poida instalar bancos, farois e mobiliario urbano, mellorando a imaxe actual.

O barrio de Altamira conta con 280 vivendas con aproximadamente o mesmo número de familias, segundo este representante veciñal. O barrio inclúe outras rúas da contorna como Villar Ponte, San Antoniño ou Fernando Olmedo, indica David Pereira.