Irmandade Illa de Tambo realiza unha suxestiva proposta para o vindeiro luns 24 de xullo. Trátase dunha viaxe á Illa de Tambo cando comece o atardecer coa intención de aproveitar a maxia dese horario para percorrer ese espazo natural da ría de Pontevedra.
O colectivo organzador lembra que a historia está ligada ás emocións e aos sentidos en Tambo. Búscase que os visitantes cargen as baterías coa enerxía do aire, da auga e da terra durante este percorrido.
A viaxe iniciarase ás 20.00 horas do porto de Combarro, a través de Cruceiros Pelegrín e o regreso está previsto para as 23.45 horas ao mesmo punto. Durante a viaxe de regreso vai servirse un refrixerio especial no catamarán.
O prezo, que inclúe a visita guiada coa viaxe en barco e o complemento alimenticio, é de 20 euros. Os menores con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos pagarán 10 euros e os menores de 6 anos poderán acceder gratis.
O número de participantes limítase a 60 persoas. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico a [email protected]. Debe notificarse o nome, apelidos e número do DNI.
O prazo máximo para anotarse finaliza o 20 de xullo.