Campo Lameiro celebrará un velorio na noite do 8 de setembro para expresar a repulsa dos veciños do municipio ante o peche da sucursal de Abanca, prevista para ese mesmo día.
O acto ten previsto comezar ás 21:30 horas e os concentrados acompañarán a un cadaleito especialmente confeccionado para escenificar a morte do mundo rural galego coa desaparición paulatina de servizos esenciais para fixar poboación.
O cortexo fúnebre, acompañado por veciños portando unha vela ou un cirio, partirá desde a Praza do Concello para dirixirse ata a sucursal de Abanca, onde terá lugar o sepelio e a liturxia.
Os concentrados escoitarán un emotivo responso especialmente elaborado para poñer de manifesto os prexuízos e os problemas que suporán para os veciños de Campo Lameiro e dos demais concellos afectados polo peche de oficinas bancarias a perda deste tipo de servizos.
Por outra banda, o alcalde, Carlos Costa, deu orde aos funcionarios municipais para preparar o expediente para declarar 'persoa non grata' ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet.
A intención da corporación municipal é levar ao vindeiro pleno municipal ese punto na orde do día para ser aprobado por unanimidade "como xeito de dignidade dun pobo que expresa de xeito institucional a súa rebeldía fronte a un atropelo ante o cal non se pode resignar".