Organizan un 'showcooking' prehistórico no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Umia
27 de xullo 2016

Empregando os alimentos da abundante despensa da época, realizarase un saboroso taller de cociña prehistórica, no que se elaborarán diversos pratos de caza, peixe, mariscos e froitos, e utilizaranse distintas técnicas de preparación

Showcooking prehistórico
Showcooking prehistórico / Prehistoric Skill

Cincuenta persoas poderán gozar este sábado 30 de xullo, a partir das 11.30 horas, dunha peculiar actividade gratuíta que pon en marcha o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, un showcooking prehistórico.

Os organizadores desta iniciativa lembran que a arqueoloxía nos permite coñecer a despensa dos homes e mulleres que viviron na Prehistoria, e mediante a interpretación desta información e da experimentación é posible reproducir técnicas da cociña e recrear sabores que formaban parte do día a día destes grupos humanos.

Empregando os alimentos desta abundante despensa, realizarase un saboroso taller de cociña prehistórica, no que se elaborarán diversos pratos de caza, peixe, mariscos e froitos, e utilizaranse distintas técnicas de preparación.

Todo o público poderá participar nesta degustación e singular experiencia gastronómica.

Esta actividade está realizada pola prestixiosa empresa portuguesa de arqueoloxía experimental Prehistoric Skill, que acaba de participar nas I Xornadas Gastronómicas na Prehistoria de Atapuerca, sendo Pedro Cura un experto internacional na cociña prehistórica.

Debido ao número limitado de prazas, é obrigatorio inscribirse previamente no correo electrónico [email protected] ou ben chamando ao teléfono 986 696 066.