Organizan cribados en Sanxenxo entre o profesorado e traballadores da alimentación

Sanxenxo
24 de marzo 2021

Estas probas que se farán con PCR estarán dirixidas a dous sectores profesionais: o profesorado e os traballadores do sector de alimentación. Sanidade chamará, mediante unha mensaxe SMS, a un total de 1.190 persoas

Cribado para detectar asintomáticos
Cribado para detectar asintomáticos / Mónica Patxot

O aumento da incidencia da covid-19 en Sanxenxo, que obrigou a elevar o nivel de restricións, tamén provocou que as autoridades sanitarias decidiran realizar novos cribados no municipio para detectar portadores asintomáticos do virus.

Así, en concreto, estas probas que se farán con PCR estarán dirixidas a dous sectores profesionais: o profesorado e os traballadores do sector de alimentación. Sanidade chamará, mediante unha mensaxe SMS, a un total de 1.190 persoas.

Os cribados no eido educativo realizaranse no CEIP Portonovo, no IES de Vilalonga e no CEIP Noalla-Telleiro, entre este xoves 25 e o venres 26 de marzo. Farán as probas tanto o alumnado como o profesorado, segundo informa o Servizo Galego de Saúde.

Para o domingo 28 de marzo, xa na zona covid-auto do Hospital Provincial de Pontevedra, serán chamados os traballadores dos establecementos de alimentación de Sanxenxo, concretamente de Carrefour, Froiz, Gadis e a praza de abastos.

As mostras tomadas analizaranse no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os casos positivos comunicaranse telefonicamente aos afectados. 

Estes cribados continuarán a vindeira semana con outros colectivos profesionais desta poboación e que aínda están pendentes de seren perfilados.