Organizan actos reivindicativos na Boa Vila polo Día Mundial das Persoas Refuxiadas

Pontevedra
19 de xuño 2022

Recolleron sinaturas para apoiar e sumar á Inicitativa Lexislativa Popular (ILP) pola Regularización Extraordinaria. A xornada estivo organizada por Boa Vida, Círculo de Silencio de Pontevedra e Amnistía Internacional Galicia

Xogándose a súa vida para poder comer
Xogándose a súa vida para poder comer

Baixo o lema, "Persoas Refuxiadas, todas benvidas xa!", Boa Vida, Círculo de Silencio de Pontevedra e Amnistía Internacional Galicia desenvolveron este sábado na praza da Peregrina unha xornada informativa, de escoita cidadana e de concienciación social na que invitaron a participar a toda a veciñanza da cidade e apoiar coa súa sinatura unha Iniciativa Lexislativa Popular para a regularización extraordinaria de persoas estranxeiras..

Como explica Gemma Vilas, psicóloga, mediadora e encargada dos programas relacionados con persoas refuxiadas e migrantes na Asociación Boa Vida, o principal obxectivo deste encontro foi "acadar a participación da xente de Pontevedra". 

"Dar a coñecer a extrema vulnerabilidade na que viven a totalidade das persoas refuxiadas, sen importar quen son, como ocorre o proceso de convertirse en refuxiadas ou onde se produce", engade.

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola Regularización Extraordinaria trata de reunir medio millón de sinaturas para levar ao Congreso a proposta de decenas de asociacións sociais e humanitarias de todo o Estado, "de mellorar a vida de centos de miles de persoas refuxiadas, máis de 400.000 na actualidade, condenadas á clandestinidade, á pobreza, a exclusión e a indiferencia de certos sectores políticos no noso territorio".

Ademáis de recoller sinaturas, convidaron a participar nas actividades informativas e de concienciación social que tiñan programadas para esta ocasión, entre elas, a "Receita para a Paz" na que toda a xente que quisera participar, achegaba a súa proposta, a súa idea de como se pode axudar as persoas refuxiadas dende todos os aspectos posibles: lexislativo, social, humano, económico, político, entre outras.