Optar a repetir outra Gran Final das Series Mundiais?: "Está aberta esa posibilidade"

Pontevedra
25 de setembro 2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou este luns en rolda de prensa o "éxito deportivo excepcional e de público" que supuxo a celebración da Gran Final das Series Mundiais, e asegurou que grazas á gran imaxe dada "abre o camiño" para pensar en repetir no futuro. Antes, en 2024 a Boa Vila seguirá apostando polo tríatlon cunha gran proba nacional, o Campeonato de España de Clubs

Miguel Anxo Fernández Lores e Jorge García, director de competicións da Federación Española de Tríatlon
Miguel Anxo Fernández Lores e Jorge García, director de competicións da Federación Española de Tríatlon / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou este luns en rolda de prensa o "éxito deportivo excepcional e de público" que supuxo a celebración da Gran Final das Series Mundiais.

"Estou namorado dos veciños de Pontevedra, que colaboran de maneira activa. Cando se poñen son capaces de sacar adiante cousas impensables hai anos como esta", afirmou o rexedor exultante porque "deixamos unha grandísima imaxe de Pontevedra".

Tanto é así que "nos abre o camiño para seguir facendo cousas", avanzou Lores, e é que "temos cuberto ata 2025 pero de aí en diante estamos xa traballando", mesmo coa opción de repetir como sede dunha Gran Final das Series Mundiais. "Está aberta esa posibilidade", asegura o alcalde.

Nese ano, 2025, a Boa Vila volverá ser sede dos Campionatos do Mundo Multideporte, e o próximo ano a aposta polo tríatlon manterase, confimó Fernández Lores, co Campionato de España de Clubs, aínda sen data fixada, e que "traerá á cidade 1.500 deportistas".

E é que "Pontevedra está namorada do tríatlon e o tríatlon está namorado de Pontevedra", defendeu.

A FEDERACIÓN ESPAÑOLA DÁ AS GRAZAS A PONTEVEDRA

Xunto ao alcalde compereció o director de competicións da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, quen tamén feliz por todo o vivido defendeu que "algún día darémonos conta do que fixemos. Isto é de todos".

"Só podo dicir unha cousa, grazas Pontevedra", sinalou García afirmando que "estiven en 15 dos últimos 20 mundiais, e o que vimos en Pontevedra non o vimos en todo o Mundo".

Unha "marca Pontevedra que se viu en todo o planeta", asegurou, e todo iso cunhas rúas a rebordar demostrando o seu apoio ao deporte do tríatlon.