A oposición lamenta que a Deputación xa non sexa un referente estatal en políticas de igualdade

Pontevedra
24 de novembro 2024

O PSOE e o BNG denuncian o "revisionismo" e o "abandono das políticas de igualdade" por parte do Partido Popular, que borrou o xiro feminista do oito anos previos

Luis López, presidente da Deputación
Luis López, presidente da Deputación / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra xa non é un referente estatal en políticas de igualdade. Así o denuncia a oposición.

O PSOE e o BNG censuran o "revisionismo" e o "abandono das políticas de igualdade" por parte do Partido Popular, que borrou o xiro feminista dos oito anos baixo a presidencia da socialista Carmela Silva.

O actual goberno da Deputación defende que o seu é un modelo "transversal", "sen fronteiras ideolóxicas" nin reivindicacións "combativas".

O presidente provincial, Luís López, eliminou do seu executivo a área de Igualdade, creada por primeira vez na Deputación co mandato do bipartito e que chegou a ter unha consignación económica de 2,1 millóns de euros.

O BNG advirte da "drástica" redución destes fondos, pois o departamento de Igualdade tan só suporá o 0,8% do orzamento no próximo exercicio de 2025. "Fai falta revisar posturas e recuperar financiamento", sosteñen as nacionalistas.

Manifestan as deputadas do Bloque que o actual goberno do Partido Popular na Deputación está "laminando" o traballo de mandatos previos en materia de Igualdade, reducindo progresivamente o orzamento da área e mantendo un "perfil baixo" ou sostendo posicionamentos "mornos".

Os socialistas tamén critican este "hachazo ideolóxico" e lamentan que "o principal fito" do Partido Popular na Deputación de Pontevedra sexa facer desaparecer a área de igualdade, para unila a familia e benestar, "e iso que non gobernan con Vox", chegou a dicir o PSOE.

A oposición critica que o goberno provincial sacara o feminismo da axenda política e mesmo sinalan a "desfeminización" da actividade pública da Deputación que "invisibiliza ás mulleres".

Fronte a isto o presidente Luís López esgrime o "liderado en feminino" de áreas estratéxicas do goberno provincial como Cooperación, Deportes, Infraestruturas, Turismo, o Museo ou Igualdade.

"A loita pola igualdade non reside en ningún despacho, non é exclusiva de ningunha área nin é propiedade de ningunha persoa", argumenta o mandatario popular.

Pero a oposición reprocha que entre as medidas adoptadas polo Partido Popular desde que está á fronte da Deputación estea a eliminación da Escola de formación en Igualdade María Vinyals, do mesmo xeito que ocorreu coa Canteira de Igualdade.

Tamén se cancelaron os programas Mulleres en Acción. Violencia Zero e Descúbreas (de apoio a propostas musicais de mulleres novas). E non continuaron outras propostas como o ciclo de Cómicas ou campañas como 365 días–365 mulleres ou a de promoción do xoguete igualitario e non violento.

Aínda que este ano se puxeron en marcha os primeiros premios Boas Prácticas en Igualdade e mantéñense outras iniciativas como o convenio coa Universidade de Vigo para a Cátedra de Feminismo 4.0, os premios Mulleres no Foco ou o concurso escolar E ti que pensas da Igualdade?.

Luís López insiste en que o traballo para conseguir unha sociedade igualitaria non se pode afrontar como "unha loita persoal ou partidista" e critica que a quen tenta "desviar o foco dos grandes problemas que nos afectan ou abrir brechas imaxinarias no canto de pechalas" porque "fan un fraco favor a unha travesía na que todas e todos, como sociedade, imos no mesmo barco".