Operativo para rescatar unha persoa ferida tras esvarar na zona do antigo balneario do Lérez

Pontevedra
14 de agosto 2024

O afectado estaba a camiñar pola pasarela peonil situada na zona do antigo balneario de Lérez cando esvarou e precipitouse xunto ao leito do río, cunha posible rotura de tibia e peroné

Foi necesaria a intervención dos Bombeiros para rescatar a persoa ferida
Foi necesaria a intervención dos Bombeiros para rescatar a persoa ferida

A Axencia Galega de Emerxencias informa que ás 10:30 da mañá deste mércores 14 agosto o teléfono 112 de Emerxencias Galicia recibía a chamada dun home pedindo axuda tras sufrir unha caída mentres paseaba pola senda xunto ao río Lérez, en Pontevedra.

En concreto, o afectado estaba a camiñar pola pasarela peonil situada na zona do antigo balneario de Lérez cando esvarou e precipitouse xunto ao leito do río.

Segundo o 112, o home apenas puido explicar que sucedeu, simplemente que tiña unha posible rotura de tibia e peroné e necesitaba asistencia médica urxente. 

A cuestión que se lle presentaba aos servizos de emerxencia era como podería acceder a asistencia sanitaria ao lugar no que se atopaba, un carreiro sen asfaltar. Por iso, dende o 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros de Pontevedra, que portaron o ferido ata o lugar onde esperaba a ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061

Paralelamente á chamada do propio afectado, produciuse outra comunicación ao 112 Galicia. Tratábase dunhas persoas que escoitaron un golpe e seguidamente un home pedindo auxilio. 

Con toda esta información, púxose en marcha o operativo de rescate conformado por unha dotación de sanitarios e bombeiros, que percorreron un longo treito para trasladar ao ferido ata a ambulancia. Tamén colaboraron os axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil da cidade.

Despois de recibir os coidados necesarios, foi evacuado ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra.

A intervención dos bombeiros finalizou pasado o mediodía.