Co obxectivo de que o tráfico circule "con fluidez", os coches só entren no centro da cidade nos "casos necesarios" e a seguridade quede garantida para veciños e visitantes, o Concello de Pontevedra porá en marcha un plan especial de tráfico este Nadal.
O dispositivo especial está centrado na mellora da circulación, pero tamén se centra na seguridade, cun "coidado especial en zonas comerciais e en zonas céntricas da cidade".
Así, o plan incluirá un reforzo da presenza da Policía Local na rúa, "acompañando e axudando" o traballo da Policía Nacional nas zonas comerciais nas que se agardan maiores aglomeracións.
A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, presentou o dispositivo este mércores acompañada pola nova voceira da Policía Local, Melisa Orbán, que se estreou no cargo.
O operativo especial de mobilidade estará activo durante todas as festas, entre este venres, 20 de decembro, e o 8 de xaneiro, e seguirá o deseño habitual de anos anteriores.
"Non vai a ser sorpresa porque segue o mesmo esquema de outros anos, porque, como sempre dicimos, as cousas que funcionan non hai que cambialas", explicou Eva Vilaverde, que detallou o funcionamento do plano que acompaña esta información.
A cidade quedará dividida en dos aneis, un primario co centro e un secundario cos accesos e o obxectivo é que os fluxos de tráfico sexan bos nos dous e potenciar que os vehículos queden estacionados nos aparcadoiros disuasorios e se prime a circulación a pé.
O "fundamental" será ese anel primario, no que o traballo policial vai "intentar que funcione, que discorra por aí o tráfico con fluidez" e intentar que os coches non entren o centro da cidade salvo os casos necesarios de residencia, carga e descarga, servizos ou mobilidade.
O centro da cidade recibe un tratamento especial, pois é o que recibe o maior fluxo de tráfico, tanto de coche como peonil, de persoas que se desprazan para facer compras, para gozar das vacacións de Nadal e para visitar a iluminación.
Todos os cambios e recomendacións de tráfico están sinalizados e a Policía Local fará tamén desvíos puntuais en zonas sensíbeis e nas datas máis complexas.
Segundo explicou Eva Vilaverde, a previsión é que na semana de Nadal, entre o xoves 26 de decembro e o mércores 1 de xaneiro, se concentren os momentos máis complexos, pero tamén na fin de semana do 4 e 5 de xaneiro se prevén momentos complicados, en especial o domingo 5, pois conflúen as compras de última hora coa cabalgata de Reis.
A Policía Local vaise centrar en controlar especialmente as zonas de entrada e saída en cada un dos puntos cardinais da cidade, como "especialmente sensibles", tendo en conta sobre todo as confluencias entre Josefina Arruti, Ramón Otero Pedrayo e Vialia por un lado e entre María Victoria Moreno, Manuel del Palacio e a avenida de Marín polo outro, pois adoitan ter acumulación de tráfico.
Tamén as inmediacións do aparcadoiro da praza de Barcelos adoitan presentar problemas pola ralentización do tráfico na entrada e saída do parking, de maneira que os policías estarán "moi pendentes".
Este ano hai unha novidade importante con relación aos anteriores, que non haberá día do espectador dos cines de Vialia porque coincide cos festivos do 25 de decembro e 1 de xaneiro. Iso supón evitar complicacións habituais de cada Nadal.