Varias dotacións da Policía Nacional e a Gardia Civil comezaron a primeira hora da mañá deste martes unha operación antidroga que ten como epicentro unha nave dunha empresa náutica da parroquia de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa.
Segundo indicaron fontes coñecedoras da investigación, esta operación está centrada na loita contra o tráfico de drogas e o branqueo de capitais e deixou polo menos cinco detencións. A operación continúa aberta e este número pode medrar.
Entre as tres persoas detidas figura o propietario da nave, o arousán Juan Manuel V.P., coñecido como El Burro.
A investigación, dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía, está centrada nun armazón que se dedica á fabricación de lanchas que logo supostamente se utilizan para o tráfico de drogas e supón un golpe á loxística do narcotráfico.
Trátase dunha operación conxunta da Policía Nacional, a Garda Civil e o servizo de Vixilancia Aduaneira na que se interviron embarcacións.
Por parte da Policía Nacional, o operativo está dirixido polo Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) e conta co apoio doutras dotacións policiais como a Unidade de Guías Caninos, que se desprazou ata Pontevedra xa na noite do luns para logo despregarse en Vilagarcía para o rexistro. A operación é conxunta coa Garda Civil de Pontevedra.
Fontes policiais confirmaron que o operativo comezou cun rexistro na citada nave de Vilaxoán e inclúe rexistros noutras zonas da comarca do Salnés.
Diversas fontes consultadas sinalan que esta nova operación non ten relación coa desenvolvida a pasada semana en distintos puntos de Pontevedra e A Coruña contra a loxística do narcotráfico, senón co narcosubmarino Poseidón, localizado na Ría de Arousa en marzo de 2023.