Ons recibiu a 80.000 visitantes este verán

Bueu
06 de setembro 2021

Unhas 220.000 persoas visitaron as illas de Cíes e Ons, pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, durante este verán, segundo os datos que ofreceu este luns a Xunta de Galicia. Durante os meses de xullo e agosto, Cíes recibiu 142.000 visitantes e Ons outros 80.000

Travesía a bordo do pesqueiro Playa de Sanxenxo
Travesía a bordo do pesqueiro Playa de Sanxenxo / Xunta de Galicia

Unhas 220.000 persoas visitaron as illas de Cíes e Ons, pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, durante este verán, segundo os datos que ofreceu este luns a Xunta de Galicia.

Durante os meses de xullo e agosto, Cíes recibiu 142.000 visitantes e Ons outros 80.000, datos que aumentarán cos turistas previstos para a primeira quincena de setembro, que tamén forma parte da tempada estival do parque.

A previsión da Xunta de Galicia é que, nestas dúas primeiras semanas de setembro, outras 15.000 persoas acudan a visitar estas dúas illas.

Vázquez ofreceu este balance durante a presentación do proxecto "Praia de Sanxenxo", promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da ría de Pontevedra para ensinar os turistas como é unha xornada laboral a bordo dun pesqueiro e as tarefas propias da pesca artesanal, promovendo o consumo de peixe fresco.

Así, as persoas que participen neste programa turístico poderán coñecer tarefas propias da pesca artesanal nas augas da boca da ría de Pontevedra e a contorna das illas de Ons e Onza, vendo como se traballa con nasas e a captura de especies como o polbo ou a nécora.

Durante a travesía inaugural do barco, na que estivo acompañada da conselleira de Mar, Rosa Quintana, a titular de Medio Ambiente destacou o valor destas iniciativas para "coñecer a riqueza ambiental que ofrecen as rías galegas" e reforzar o compromiso da cidadanía co coidado do medio ambiente.

Esta é unha das seis acciones piloto seleccionadas no marco do proxecto Mar das Illas Atlánticas, na que ademais dos grupos de acción local do sector pesqueiro participa o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a asociación Mar Seguro de Galicia ou a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.

Este programa, do que xa se organizaron tres edicións, ten como obxectivo promocionar o turismo mariñeiro entre os profesionais do mar e, especialmente, no ámbito deste parque nacional, xerando emprego a través da diversificación da actividade pesqueira.