Onde está Coco? Pídese colaboración cidadá para localizar este agaporni perdido

Pontevedra
16 de setembro 2024

Ten unha combinación de plumas de cor amarela, verde e laranxa, unha pequena greta no pico e unha marca branca en cada unha das ás cando as ten pechadas. Se o ves e o chamas, debería acudir. Desapareceu o día 1 e se tes información, podes chamar a Noelia

Coco, agaporni perdido na zona do instituto Gonzalo Torrente Ballester
Coco, agaporni perdido na zona do instituto Gonzalo Torrente Ballester

Ten unha bonita combinación de plumas de cor amarela, verde e laranxa, unha pequena greta no pico e unha marca branca en cada unha das ás cando as ten pechadas. Responde o nome de Coco e se o ves e o chamas, debería acudir. 

É un agaporni de seis meses que o pasado 1 de setembro escapouse da casa de Noelia na zona do instituto Gonzalo Torrente Ballester, na contorna da avenida de Vigo e, desde entón, esta pontevedresa búscao e pide colaboración cidadá para localizalo. 

Aquel que o vexa, pode recoñecelo por esa descrición e polas fotos que acompañan esta noticia, pois non ten argola. Tamén poderán recoñecelo polo seu carácter. "É súper alegre, súper intelixente, tíñao ben adestrado", explica Noelia.

Así, "chámalo e vénche ao dedo" e ten habilidades como meter pelotas a través dunha canastra ou meter argollas por un pau. "É o máis listo" dos tres irmáns e Noelia dedicoulle moitas horas ao seu adestramento. "É unha pasada de paxaro", presume. 

Coco é "un experto escapista", explica. A pesar de que tan só ten seis meses, xa escapou antes porque "búscase a vida para abrir a gaiola".

Tomou precaucións para evitalo, pero o día 1 regresou á casa pola noite e marchara. "Menos mal que non escaparon os outros", agradece, porque Coco é un dos cinco agapornis de Noelia, pais e fillos. 

Encheron toda a zona con carteis cunha foto de Coco e o número de teléfono de contacto de Noelia, para que aquel que teña algunha información, facilítella, 634591612.

Ademais, durante a primeira semana, saía á venda de forma insistente poñendo reclamos de sons doutros agapornis e achegou aos seus familiares á xanela para que o chamasen. 

Outros veciños que teñen agapornis tamén os puxeron a cantar. Fixeron todo o que saben que funciona nestes casos, pero nada deu resultado aínda. 

A primeira vez que se escapou tamén era de noite -"parece que lle gusta a hora da cea para irse"- pero ao día seguinte pola mañá xa regresara. Pese ao tempo transcorrido, esta segunda vez a esperanza consérvaa, "non a perdo nunca".

Tan só espera que alguén o atopara  estea na casa de alguén porque é aínda pequeno, non sabe arranxarlla para buscar comida e hai comidas que pode chegar a tomar e resúltanlle tóxicas.