Onde aparcar en Cambados durante a Festa do Albariño

O Salnés
03 de agosto 2024

O Concello de Cambados elaborou un plano cos distintos aparcamentos habilitados para os días da Festa do Albariño. 

Zona habilitada para aparcar na Festa do Albariño
Zona habilitada para aparcar na Festa do Albariño / Festa do Albariño

Cambados vive uns días intensos coa celebración da Festa do Viño Albariño nun ano moi especial para a localidade, no que é Ciudad Española do Viño 2024 e Pobo Máxico de España.

No Paseo da Calzada están instaladas 42 casetas con 44 marcas, programáronse concertos, verbenas e sesións musicais con DJ ademais doutras citas como o Túnel do Viño con degustacións de máis de 150 elaboracións e a Cata Concurso con 61 adegas da denominación.

O alcalde, Samuel Lago, espera que a edición deste ano da Festa do Albariño sexa a que conte "con máis afluencia dos últimos anos". 

Se vostede é dos que non se queren perder esta festa e vai ir en coche ata Cambados seguramente estará a preguntarse: e onde vou aparcar? 

Pois o Concello de Cambados elaborou un plano cos distintos aparcamentos habilitados para os días da Festa do Albariño. 

O plano inclúe un código QR que enlaza directamente coa localización para chegar con facilidade.

Por outra banda, por se hai algunha incidencia, tamén se instalou un Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) desde onde se controla o sistema de videovixilancia, que este ano será de nove cámaras repartidas nas zonas de maior congregación de público. 

Ademais, o Concello instalou o seu hospital de campaña con dous profesionais de enfermería e contratou unha ambulancia de soporte vital básico e outra medicalizada. O Sergas tamén dobrou quendas no PAC.

Este é a programación festiva para esta fin de semana:

Sábado, 3 de agosto

  • 11:00 - 13:00 / Túnel do Viño: Primeira sesión. Salón de Congresos José Peña
  • 11:00 - 14:30 / Túnel do Viño: Sesións de 90 minutos. Salón de Congresos José Peña
  • 16:30 - Música na rúa: Nortada Electrónica cos DJ’s Certain People, Fer Br, Karras Martínez e Yahaira. Praza do Con, San Tomé
  • 22:00 - Concertos: Carlos Ares + Colectivo Panamera. Praza de Fefiñans
  • 23:00 - Sesión musical: Con DJ. Praza de Alfredo Brañas.
  • 23:00 - Sesión musical: Sesión discoteca con DJ JJ Compota e DJ Matrek. Praza do Concello

Domingo, 4 de agosto

  • 12:30 - Capítulo Serenísimo: Desfile de autoridades e Confrarías Gastronómicas invitadas. Avenida de Madrid
  • 13:30 - Capítulo Serenísimo: Acto de investidura de Doas e Cabaleiros do Albariño. Patio de Armas do Pazo de Fefiñáns
  • 14:30 - Comida Oficial: "Xantar do Albariño" e apertura notarial do sobre cos viños premiados na LXXII Festa do Albariño 2023. Parque de Torrado
  • 19:00 - Sesión musical: Cos DJ’s Chichapec, Dr. Fonk, Escalenux + Concerto de The Agapornis. Praza do Castriño
  • 22:00 - Concerto: Da Banda de Música de Castrelo. Praza de Fefiñans
  • 22:00 - Verbena: A cargo do Grupo Ritmo. Praza do Concello
  • 00:00 - Clausura: Espectáculo pirotécnico de fin de Festa. Paseo marítimo de Cambados