A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés logrou consolidar o vínculo laboral co 84% dos médicos de familia que remataron o día 24 deste mes a súa formación especializada en medicina familiar e comunitaria.
Concretamente, destes 13 novos facultativos que terminaron a súa residencia, un total de 11 profesionais van prestar servizo nesta Área Sanitaria cunha relación contractual estable.
Cinco deles van desenvolver a súa actividade médica no eido da Atención Primaria, concretamente nos centros de saúde de Arcade-Soutomaior, Baltar-Sanxenxo, Caldas de Reis -centro de saúde ao que se incorporan dous médicos- e un novo facultativo para o Punto de Atención Continuada do centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía de Arousa.
Así mesmo, outro profesional médico da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria incorpórase á unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital comarcal do Salnés.
Ademáis, queda nesta Área Sanitaria unha nova Pediatra de Atención Primaria, que vai prestar servizo para a poboación infantil no centro de saúde de Marín.
Complementariamente a ditas integracións, outros 5 facultativos de Medicina Familiar e Comunitaria que remataron recentemente a súa formación van prestar servizo nas Urxencias hospitalarias desta Área Sanitaria, un deles no Hospital comarcal do Salnés.
OUTRAS INCORPORACIÓNS
Por outra banda, a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés incorporará en vindeiras datas a outros dous facultativos procedentes de sendas áreas de saúde galegas.
Concretamente, unha nova pediatra incorporaráse ao centro de saúde da Parda, e un novo facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria se integrará no de Combarro.