Once establecementos participan no primeiro certame de tapas TapeaPoio

Poio
26 de setembro 2024

O certame vai desenvolverse entre o 3 e o 13 de outubro con tapas a un prezo único de catro euros. O público terá a opción de votar pola súa tapa favorita a través dun código QR en cada local. Está previsto que se repartan premios valorados en 6.000 euros entre os establecementos e a clientela participante

Once establecementos participarán no primeiro TapeaPoio
Once establecementos participarán no primeiro TapeaPoio /

O municipio de Poio prepárase para acoller o seu primeiro certame de tapas, ‘Tapea Poio’, que se desenvolverá entre o xoves 3 e o domingo 13 de outubro.

A presentación oficial do evento tivo lugar este xoves no Pazo de Colón, en San Salvador, onde se deron cita representantes das institucións e entidades colaboradoras, así como destacados chefs galegos e  representantes dos locais que participarán nesta edición.

A iniciativa, impulsada polo Concello de Poio, ten como obxectivo destacar o talento culinario local, desestacionalizar a oferta turística e consolidar o municipio como un referente gastronómico en Galicia.

Na súa intervención, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou o "carácter innovador e a excelencia" do evento, que conta con padriños como os chefs con Estrela Michelin Pepe Vieira e Pepe Solla.

"Aspiramos a que Poio sexa un referente no turismo e na gastronomía durante todo o ano", afirmou Moldes, facendo fincapé na importancia de propostas como esta para dinamizar o sector hostaleiro máis aló dos meses de verán.

O certame desenvolverase ao longo de dez días en once establecementos de todo o municipio, onde se poderá degustar unha variada oferta de tapas a un prezo único de 4 euros.

Os clientes terán a posibilidade de votar polas súas creacións favoritas a través dun código QR exclusivo de cada local. Os establecementos participantes son:

  • Restaurante Casa Angelita (Lourido), coa tapa "Potaxe de garavanzos"
  • Eirado das Margaridas (Liñares), cun "Croquetón de xamón ibérico e polbo sobre base de puré de triguero e crocante de pataca"
  • Bar Terraza (A Barca), coa tapa "Fabes ao montañés"
  • Ninkasi (Avda. San Xoán), coa tapa "Non cho digo"
  • Café-Bar Aquelo (A Reiboa), coa tapa "Delicia do mar"
  • Restaurante Pinela Terraza (Poio), coa tapa "Mexillón ramallo de mar"
  • Restaurante O Peirao (Combarro), cunha tapa de "Sardiña á brasa con pementos de padrón e pan de millo"
  • A Tres Nudos (Combarro), coa tapa "Tosta Campechana"
  • A Bodega O Bocoi (Combarro), coa tapa "Mar e Terra"
  • Recuncho do Lolo (Samieira), coa tapa "O pulpiño do Lolo"
  • Restaurante Lameiriña (Raxó), coa "Carrilleira ao estilo de papá"

 

Os votos do público determinarán as mellores tapas do certame, e os tres primeiros clasificados recibirán premios en metálico, achegados pola empresa Froiz: 1.500 euros para o gañador, 900 euros para o segundo clasificado e 500 euros para o terceiro.

Ademais, está previsto o sorteo de numerosos premios entre os asistentes, como menús degustación en restaurantes locais, estancias en hoteis do municipio e produtos gourmet.

Rocío Cochón, concelleira responsable da área de Turismo, subliñou que Poio é un "destino gourmet" e un "auténtico polo de atracción para a restauración de calidade", destacando que ningún outro concello galego conta cun maior número de Estrelas Michelin.

Tamén agradeceu a implicación das institucións e empresas colaboradoras, como Conservas Pescamar, Supermercados Froiz ou o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, que contribuirán a entregar premios valorados en máis de 6.000 euros.