Once concellos non xustificaron programas financiados contra a violencia de xénero

Pontevedra
20 de xullo 2024

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, lamenta especialmente que a provincia de Pontevedra vaia perder este ano 66.175 euros, o que supón máis dun 11% sobre o total de 592.592 euros asignados, porque hai 11 concellos que non xustificaron ter realizado o gasto dos programas de prevención financiados polo Pacto de Estado en exercicios anteriores

Mulleres en Acción. Violencia Zero
Mulleres en Acción. Violencia Zero / Mónica Patxot

Os 61 concellos da provincia de Pontevedra van ingresar nos próximos días 526.592 euros procedentes dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. 

Os fondos están destinados especificamente á execución de programas dirixidos á erradicación da violencia de xénero desenvolvendo as competencias municipais propias e tamén as competencias ampliadas de acordo co Pacto de Estado de Violencia de Xénero, asinado no ano 2018.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, lamenta especialmente que a provincia de Pontevedra vaia perder este ano 66.175 euros, o que supón máis dun 11% sobre o total de 592.592 euros asignados, porque hai 11 concellos que non xustificaron ter realizado o gasto dos programas de prevención financiados polo Pacto de Estado en exercicios anteriores. 

Abel Losada explicou que se trata de fondos finalistas e, por tanto, os fondos que quedan sen executar nas anualidades anteriores son detraídos da asignación seguinte.

Un total de 6 municipios pontevedreses non recibirán fondos do Pacto de Estado neste ano, segundo a resolución que vén de publicar o Ministerio de Igualdade, porque o importe que teñen sen executar de anualidades anteriores é igual ou superior ao concedido neste 2024. 

Ademais, outros cinco concellos verán significativamente reducidas as achegas do Pacto de Estado por faltas de execución parciais. Estes remanentes serán repartidos o ano próximo entre tódolos municipios de España que xustifiquen adecuadamente o seu nivel de execución.

Este ano concedéronse case 600.000 euros aos concellos da provincia, o que supón un 52% de incremento sobre os 388.767 euros que transferiu en 2018 o Goberno que presidía Mariano Rajoy. "Pero se eses cartos non se aproveitan, é evidente que algo falla", afirmou.

Os fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero están dirixidos a entidades locais e comunidades autónomas. No eido municipal a contía dos fondos varía  en función do número de municipios de cada provincia e tamén ten en conta a poboación de cada concello. 

Ademais reciben contías adicionais se a Policía Local colabora coas Forzas e Corpos do Estado no sistema VioGén de protección ás vítimas e, finalmente, se os concellos están adheridos ao servizo ATENPRO, polo que os Servizos Sociais municipais proporcionan un teléfono móbil de apoio e auxilio ás vítimas de todo tipo de violencia sexual.