Once cartas para agradecer o "comportamento exemplar" dos servizos de emerxencias durante o accidente de Pedre

Cerdedo-Cotobade
02 de xaneiro 2023

As cartas sinalan que "non hai palabras que poidan describir o orgullo que todos os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade" senten por todos estes servizos de emerxencias, pero queren trasladarlles a súa admiración e agradecemento pola súa "eficaz e abnegada entrega durante estes aciagos días"

Tarefas de rescate dos pasaxeiros do autobús accidentado en Cerdedo
Tarefas de rescate dos pasaxeiros do autobús accidentado en Cerdedo / PontevedraViva

Cerdedo-Cotobade está aínda recuperándose do duro golpe recibido en Noiteboa co accidente de autobús que deixou sete pasaxeiros mortos e dous feridos ao precipitarse desde a ponte de Pedre ao río Lérez. Mentres van recuperando a normalidade, queren amosar o seu agradecemento a todos aqueles que axudaron durante a catástrofe. 

Para dar as grazas a todos os servizos de emerxencias implicados nos traballos de rescate, o alcalde, Jorge Cubela, enviou este luns 2 de xaneiro once cartas a outras tantos colectivos en sinal de agradecemento "en nome os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade". 

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade; os Gardacostas de Galicia; Emerxencias Sanitarias 061; os bombeiros de Pontevedra e Silleda; o GES da Estrada; o Grupo de Intervención Psicolóxicas en Catástrofes e Emerxencias do GIPCE 112; e distintos servizos da Garda Civil (a agrupación de Tráfico de Pontevedra, o helicóptero, o grupo de actividades subacuáticas GEAS e o grupo de rescate de montaña de Trives) recibirán unha carta.

Trátase de cartas para agradecer "encarecidamente" o seu traballo durante o operativo de asistencia e rescate do autobús e para insistir en que os integrantes destes servizos de emerxencias demostraron que a súa entrega e vocación de servizo persoal "está moi por enriba do seu deber" como funcionarios públicos.

Así, insiste en que, nesta ocasión, deron "boa mostra" de valentía, compromiso coa sociedade democrática á que serven e sensibilidade coas vítimas.

Para Cubela, "non hai palabras que poidan describir o orgullo que todos os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade" senten por todos estes servizos de emerxencias e polo "comportamento exemplar" que tiveron durante esta catástrofe, pero quere trasladarlles a súa admiración e agradecemento pola súa "eficaz e abnegada entrega durante estes aciagos días".

A agrupación de voluntarios de Cerdedo-Cotobade, colectivo que estivo de forma permanente en Pedre desde pouco despois do accidente ata que se pechou a actuación de rescate, recibiu especiais mostras de agradecemento.

En nome de toda a poboación, Cubela trasladoulles o seu "profundo sentimento de orgullo" por dispoñer no municipio de "persoas de tan alta cualidade humana que antepuxeron o deber de auxilio e o compromiso social a calquera outra cuestión" para facer fronte, "desde o minuto cero", a unha traxedia que afectou en primeiro lugar ás familias dos pasaxeiros, vítimas do accidente, pero tamén sacudiu a calquera persoa cun mínimo de sensibilidade e humanidade.

"Non hai palabras para agradecer a vosa xesta nin maior recompensa que o afecto, a admiración e o orgullo que todos os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade sentimos pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil", engade a misiva enviada este luns. 

Arquivado en