A agrupación comarcal do sindicato Comisións Obreiras (CCOO), aposta por unha renovación xeneracional.
No 12º congreso da organización, celebrado no Pazo de Cultura de Pontevedra, Omar Vázquez Prado foi elixido como novo secretario xeral de CCOO en Pontevedra.
Sucede así no posto a Pilar Mosquera.
Omar Vázquez era até agora o secretario do comité de empresa de Ence. É, asegura CCOO, "un xove pero á vez experimentado sindicalista, que tivo un destacado papel nas movilizacions en defensa da permanencia da súa empresa en Lourizán".
O recén escollido secretario xeral encabezará unha nova comisión executiva conformada na súa maioría por sindicalistas novos.
Acompañaranlle Paula Abal Mougán (presidenta do comité de empresa de Celtic Estores), Ramón Díaz Cea (comité de empresa de Aludec Galvanic), María Domínguez Meijón (Xunta de Galicia), Enrique González Romero (Ence), Juan Carlos Logroño Vázquez (Correos) e Mayra Davila Martinez (presidenta do comité de empresa de Conservas del Noroeste).

Ademais manteñen a súa participación na comisión executiva Isabel Rúa Gómez (Eulen) e Xosé Luís García Pedrosa.
Unha "nova dirección con importante percorrido e futuro, para continuar coa defensa das persoas traballadoras na nosa comarca pondo especial fincapé no desenvolvemento industrial e na procura dun emprego de calidade", asegura CCOO.