Ollo se usas os aparcadoiros de servizos na contorna do mercado: hai cambios e non poderás aparcar de noite

Pontevedra
07 de abril 2025
Actualizado: 16:56

Para "garantir o descanso dos veciños", renovaron a sinalización. Poderase aparcar 15 minutos para servizos de 8 a 21 horas en días laborais e, fóra dese horario e días, queda prohibido

Nova sinalización de servizos na praza de Valentín García Escudero
Nova sinalización de servizos na praza de Valentín García Escudero /

A contorna do mercado de abastos e a rúa Valentín García Escudero estreou nos últimos días unha nova sinalización das zonas de estacionamento de servizos.

Os novos sinais implican cambios nas normas de aparcadoiro que afectan a toda a cidadanía nunha zona de rúas en forma de 'U' que implica Valentín García Escudero e as rúas Serra e Jullo Camba.

Con esa nova sinalización, a diferenza das normas anteriores, tan só se pode aparcar nesas rúas durante o día para servizos durante 15 minutos e, fóra dese horario, queda prohibido deixar o coche. Só se poderá aparcar de 8.00 a 21.00 horas, de noite e as fins de semana, non.

Supón un cambio con respecto á situación previa, pois ata agora rexían as mesmas normas que no resto da cidade. Podíase estacionar de 8.00 a 13.30 e de 16.30 a 21.00 horas para servizos durante 15 minutos e, fóra dese horario, ao mediodía e durante a noite, había uso libre.

Fontes municipais explicaron que o motivo dese cambio é "garantir o descanso dos veciños", pois nesas tres rúas, durante as noites das fins de semana, facíase un uso que enchía a zona de ruído e impedía durmir.

Nova sinalización de servizos na praza de Valentín García Escudero
Nova sinalización de servizos na praza de Valentín García EscuderoMónica Patxot

Así, era habitual que houbese vehículos aí estacionados que, terminado o horario de apertura dos locais de lecer nocturno, trasladasen para aí a festa. Abrían portas e xanelas dos coches, puñan música e permanecían alí, co conseguinte ruído a altas horas da madrugada.

Houbo queixas de particulares e de asociacións veciñais e a Policía Local comprobou que era certo. De feito, chegaron a porse sancións.

A partir de aí, a Policía Local decidiu realizar este cambio de sinalización, para evitar eses usos indebidos do espazo público.

Durante os primeiros dias dos novos sinais, xa se impuxeron as primeiras sancións.

Con esta nova sinalización, favorécese a actividade do mercado e dos negocios da contorna da rúa Serra sen alterar o descanso veciñal.

Fontes municipais confirmaron que o Concello non ten intención de ampliar esas novas normas a outras zonas da cidade, senón que foi unha media puntual para responder a unha situación concreta.