Ollo! Non confíes en todo o que se publica nas redes sociais durante este estado de alarma

Pontevedra
16 de marzo 2020

Nas últimas horas circula un escrito por diferentes redes socias afirmando que as aseguradoras de vehículos non se responsabilizan en caso de accidente se non se demostra que o uso do coche era por algúns dos motivos que recolle o Real Decreto que establece o estado de alarma. Pero isto, segundo afirman as aseguradoras, é falso

Accidente en Mourente (arquivo)º
Accidente en Mourente (arquivo)º / Cristina Saiz

En situacións como a que vivimos polo temor ao contaxio do coronavirus, as redes sociais convertéronse nunha fonte de información, en ocasións perigosa, na que caben tanto datos científicos contrastados como  bulos que se comparten e que xeran preocupación entre a cidadanía.

Unha destas falsidades de maior repercusión durante as últimas horas consiste nunha mensaxe onde se apunta a que as aseguradoras de vehículos, en caso de accidentes durante o estado de alarma, non asumen responsabilidade, salvo que conste acreditado que o desprazamento se facía por algún dos motivos que permite o Real Decreto aprobado polo Goberno central.

"Isto é un bulo", así o afirman desde a Xestoría e Asesoría de Seguros Vidal de Pontevedra, explicando que a circulación non foi prohibida polo Goberno e por tanto as aseguradoras faranse cargo, como ata o de agora, dos danos ocasionados nun accidente.

Sinalan que o Real Decreto non especifica nada sobre a situación das compañías de seguro en relación con estes temas. "Tería que poñelo", afirman desde a asesoría para que se puidese aplicar esta falta de responsabilidade por parte da compañía como causa para non cubrir os danos. Indica que esta situación carece de sentido cando se permite a circulación e encher nas gasolineiras, establecementos que permanecen abertos. "A compañía sempre se ten que facer cargo de calquera golpe porque se non sería un caos. Como a compañía non se vai facer cargo?", sinalan, "ninguén pode controlar onde vas", a non ser as forzas da orde.

Desde a Asesoría de Seguros Vidal indican que ao longo da mañá deste luns algún cliente contactou con esta entidade para tentar resolver esta dúbida xerada por estas mensaxes "desinformativas".