Olladas disidentes desde A Xunqueira para espertar conciencias e buscar unha igualdade real e efectiva

Pontevedra
20 de maio 2021

O alumnado e o profesorado do ciclo superior de Promoción da Igualdade de Xénero e do curso de 'Promoción efectiva entre mulleres e homes' do CIFP A Xunqueira presentaron este xoves unha exposición fotográfica colectiva que busca "observar máis alá do que se mira" e "revelar unha realidade que non nos representa, unha realidade estereotipada"

Presentación da exposición 'Olladas Disidentes' no CIFP A Xunqueira
Presentación da exposición 'Olladas Disidentes' no CIFP A Xunqueira

A disconformidade cunha sociedade actual marcada pola desigualdade entre homes e mulleres e por estereotipos e roles sexistas é o eixo condutor do último proxecto do alumnado e o profesorado do ciclo superior de Promoción da Igualdade de Xénero e o curso de 'Promoción efectiva entre mulleres e homes 'do CIFP A Xunqueira de Pontevedra. Trátase de 'Olladas disidentes', unha exposición fotográfica colectiva na que canalizan ese desacordo

O proxecto presentouse oficialmente este xoves nun acto no exterior do propio centro no que participaron todas as persoas implicadas no proxecto, o resto da comunidade educativa e tamén a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e a xefa da Unidade de Violencia sobre a muller da Subdelegación, Manuela Vilaboy.

A presentación contou cunha actuación musical de rap da pontevedresa Aurora Redondo, A Rabela, que canalizou toda ese disidencia en letras reivindicativas e co discurso inaugural de Lorena e Icíar, alumnas do ciclo de promoción de igualdade efectiva entre homes e mulleres, que explicaron que buscan "impactar nas persoas que estean vendo as fotos", e "espertar as súas conciencias buscando un cambio verdadeiro do socialmente establecido". 

O obxectivo final é "poder crear unha igualdade real e efectiva", tal e como explicaron Lorena e Icíar. Para loitar por conseguilo, deseñaron 'Olladas disidentes", un proxecto que puxeron en marcha o 22 de abril traballando en pequenos grupos nos que cada un expresou as ideas que querían reflectir nas fotografías, baseadas en estereotipos e roles

Abordaron a hipersexualización, o canon de beleza, o sexo da roupa, a censura dos corpos femininos, os roles de xénero ou a revictimización e, coa axuda da fotógrafa Iria Pinheiro lograron "levar as ideas á realidade". No proceso creativo déronse conta de que mesmo o alumnado deste ciclo, que está sensibilizado e concienciado en pro da igualdade, á hora de plasmar as súas reivindicacións na fotografía detectaron situacións que viviran e que non foran conscientes. Déronse conta tamén de que "aínda queda moito camiño por percorrer". 

'Olladas disidentes' é froito dun proceso de creación visual que pretende "observar máis alá do que se mira", tentando revelar a través de fotomontaxes creadas e protagonizadas por elas, "unha realidade que non nos representa, unha realidade estereotipada". Esas imaxes ideadas e deseñadas polo alumnado de maneira cooperativa estarán expostas no patio exterior do centro ata finais de curso. 

O deseño e o procesamento da imaxe correron a conta dos deseñadores pontevedreses Diego Boullosa e Xandre Outeiro e cada fotografía dispón dun código QR coa información do proxecto e posibilidades dunha participación activa polo público para expresar as súas impresións. 

Nas redes o proxecto preséntase como #OlladasDisidentes