Olga Viza, Lucía Méndez, Jazmín Abuín e Patricia Fernández de Lis serán "opinadoras perigosas" en Pontevedra

Pontevedra
28 de febreiro 2024

A sétima edición de 'As mulleres que opinan son perigosas' vai celebrarse o venres 15 e o sábado 16 de marzo no Teatro Principal. A inauguración correrá a cargo das xornalistas Diana López e Susana Pedreira e das gañadoras do I Premio Opinión #MulleresQueOpinan, Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno

A xornalista Diana López presenta o VII Encontro 'As mulleres que opinan son perigosas'
A xornalista Diana López presenta o VII Encontro 'As mulleres que opinan son perigosas' / Mónica Patxot

As escaleiras de entrada ao Teatro Principal convertéronse en escenario para a presentación, este mércores 28, da sétima edición do encontro de mulleres xornalistas 'As mulleres que opinan son perigosas', que se celebrará o venres 15 e o sábado 16 de marzo en Pontevedra.

A xornalista Diana López, que con Susana Pedreira, é promotora desta iniciativa anunciaba que este ano participarán 14 relatoras, doce delas debutantes, neste "evento consolidado" con participantes de xeracións novas pero tamén con especial atención ás mulleres de máis de sesenta anos, profesionais procedentes de distintos medios de comunicación e plataformas dixitais, que visibilizarán a situación das mulleres en diferentes ámbitos "porque o público de Mulleres tamén é diverso".

"Queremos que As Mulleres que Opinan siga sendo un encontro de profesionais do mundo da comunicación para escoitarnos, para vernos, para tecer redes e tamén para seguir aprendendo e descubrindo outras facetas e novos referentes necesarios tanto para as profesionais do sector como para o público que nos acompaña cada ano no Teatro Principal", manifestou Diana López.

Susana Pedreira quixo poñer o foco na importancia que supón traer a mulleres referentes do xornalismo como é o caso de Olga Viza e Lucía Méndez, dúas profesionais cunha longa e recoñecida traxectoria. do mesmo xeito que Mariola Cubells, que analiza en radio proxectos audiovisuais en La Ventana da Cadena Ser e que "acaba de publicar un libro marabilloso que reivindica o poder desas mulleres +60, que foron pioneiras e que ao chegar a esa idade os medios de comunicación comezan a invisibilizalas".

Tamén destacou que case a metade das relatoras convidadas son galegas, entre as que destacou a presenza de Jazmín Abuín, xornalista que actualmente se dedica á comedia como actriz. Pedreira lembrou que este congreso permite tecer unha rede que "vai medrando".

Susana Pedreira: "As Mulleres que Opinan é unha marca referente dentro da profesión"

Este ano alcanzaranse as 87 mulleres que interviñeron xa nesta cita anual e o próximo alcanzarase o centenar. "Haberá que celebralo dalgunha maneira", indicou a xornalista. "As mulleres saben que existe e teñen ganas de ser convidadas. Coñecen Pontevedra e teñen ganas de vir grazas a este foro. É unha marca referente dentro da profesión", subliñou Pedreira.

PROGRAMA DA SÉTIMA EDICIÓN

O venres 15 de marzo, o Teatro Principal acollerá a inauguración con Diana López e Susana Pedreira ás 12.00 horas. A continuación, Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno, gañadoras do primeiro Premio Opinión #MulleresQueOpinan, serán as encargadas de intervir.

As promotoras do evento lembran que este ano se realizará unha segunda convocatoria deste premio e poderán presentarse artigos sobre contidos do foro, en galego e castelán, ata o 8 de abril, con premios de mil euros.

O programa durante a primeira xornada continuará con Lula Gómez, guionista, podcaster e realizadora audiovisual que ofrecerá unha charla sobre 'Entender e desmontar o machismo:"es unha caca"'. Durante a tarde intervirán Mercedes Corbillón, Jazmín Abuín, Diana Oliver, especializada en maternidade, infancia e saúde, e pecharase con Lucía Méndez, xornalista de El Mundo, que ofrecerá a súa visión sobre tres décadas observando e relatando o poder.

Durante a sesión do sábado 16, Ana G.Liste, de praza.gal, abrirá as intervencións analizando a ética xornalística no tratamento da violencia machista. A continuación, Patricia Fernández de Lis, redactora xefa en El País e directora de Materia tratará a ciencia, tecnoloxía e saúde con perspectiva de xénero. A sesión matinal finalizará con Isabel Cadenas Cañón, xornalista, escritora e documentalista sonora, que explicará como as mulleres rompen silencios persoais e colectivos. 

Cláudia Morán, de Nós Diario, presentará pola tarde a súa análise sobre opinar desde o propio, e Noor Ammar Lamarty, activista xurídica e podcaster tratará o apartheid de xénero e construción do relato. 

As últimas intervencións correrán a cargo de Mariola Cubells, da Cadena Ser e Huffington Post, coa súa proposta sobre a revolución das mulleres de máis de sesenta anos, que dará paso a Olga Viza, histórica xornalista e presentadora de deportes en Televisión Española, que fará un repaso á súa actividade profesional.

Ao acto de presentación acudían tamén Luis López, presidente da Deputación, que destacaba que "ningunha opinión que teña por fin a igualdade é perigosa. Todas son benvidas", apuntou engadindo a importancia da pluralidade.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, mostrábase "orgulloso" desta sétima edición nun congreso "único a nivel de Estado" e lembraba que "o feminismo está de forma transversal na vida cotiá. O que sería perigoso é que as mulleres non opinasen".

A programación completa desta edición figuar nas páxinas web da Deputación Provincial e do Concello de Pontevedra.

Arquivado en