Oito hospitalizados menos con covid-19 alivian a presión asistencial na área sanitaria

Pontevedra
08 de marzo 2022

Fronte ao lixeiro aumento dos casos activos en Galicia, a área sanitaria de Pontevedra logrou manter a súa tendencia á baixa. Hai nestes momentos 2.052 infectados, 18 menos que onte. Os novos contaxios foron 173. Os ingresados nos tres hospitais de Pontevedra e Vilagarcía, pola súa banda, son 53, oito menos dos que estaban hospitalizados no último balance

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

Fronte ao lixeiro aumento dos casos activos por covid-19 en Galicia, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés logrou manter a súa tendencia á baixa. Hai nestes momentos 2.052 infectados, 18 menos que onte. Os novos contaxios foron 173.

Os ingresados nos tres hospitais de Pontevedra e Vilagarcía, pola súa banda, son 53, oito menos dos que estaban hospitalizados no último balance realizado polo Servizo Galego de Saúde. Deles, catro atópanse na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.

A maiores, atendidos en planta hai outras 49 persoas. Hai 45 en Montecelo e catro no Hospital do Salnés. Non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

O resto dos que contraeron o virus, outras 1.999 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.

Desde o inicio da pandemia 56.605 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 189 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 262 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 402.654, 189 nas últimas horas. A elas súmanse as 234.441 probas de antíxenos e outras 125.336 probas de detección da covid-19.

INCIDENCIA EN GALICIA

O número de casos de coronavirus en Galicia, pola súa banda, é de 16.856, 131 máis que o día anterior. Deles, 3.385 son da área da Coruña, 2.021 da de Lugo, 2.381 da de Ourense, 2.052 da de Pontevedra, 3.082 da de Vigo, 2.922 da de Santiago e 938 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 31 están en UCI, 386 en unidades de hospitalización e 16.439 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 489.780 persoas curadas, rexistrándose 3.136 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 3.719.926 probas PCR, 2.526 nas últimas 24 horas. Os novos casos abertos desde onte, que inclúen os autodiagnósticos con antíxenos, foron 1.768.