Oito grupos participarán desde este luns no XXV Concurso de Murgas de Pontevedra

Pontevedra
07 de febreiro 2016

Despois do divertido pregón da comparsa Vamos a todo e a obrigada suspensión do desfile do sábado polo temporal, o Entroido pontevedrés retomará a súa programación co tradicional Concurso de Murgas que volverá facer as delicias do público que se achegue ao auditorio do Pazo da Cultura coas coplas cheas de música, ironía e diversión das agrupacións participantes

Final do XXIV Concurso de Murgas
Final do XXIV Concurso de Murgas / Mónica Patxot

Despois do divertido pregón da comparsa Vamos a todo e a obrigada suspensión do desfile do sábado polo temporal, o Entroido pontevedrés retomará a súa programación co tradicional Concurso de Murgas que volverá facer as delicias do público que se achegue ao auditorio do Pazo da Cultura coas coplas cheas de música, ironía e diversión das agrupacións participantes.

Nesta 25 edición do Concurso de Charangas de Pontevedra serán oito as formacións participantes, cuxas actuacións se volverán a repartir en dúas semifinais.

A primeira delas celebrarase este luns, a partir das nove da noite, e reunirá a dúas murgas de Pontevedra (Os do Val do Lérez e A charanga feminina de Pontevedra vaise de Runer), unha de Sanxenxo (Os de Noalla) e outra do Grove (Os da Baiuca). Esta última foi a gañadora da edición do ano pasado.

Pola súa banda, o mércores á mesma hora será a quenda das outras catro participantes. Serán Equipo Ja, Charanga PTVIX, Vai pola ría e Charanga do Naveiro presenta Glamurga.

A final, á que chegarán as catro mellores charangas desta edición, celebrarase o xoves.

PRESENTACIÓN DO RAVACHOL

Ademais, este luns tamén se presentará a vestimenta que vestirá o Loro Ravachol este ano. Será durante a recreación da botica do farmacéutico Perfecto Feijóo que, como vén sendo habitual, celebrarase na Praza da Peregrina, a partir das sete e media da tarde. Espérase que o famoso loro faga a súa aparición sobre as oito.

Arquivado en