Oito estudos de arquitectura pugnan por darlle unha "nova vida" ao Pazo de Lourizán

Pontevedra
13 de xullo 2024

A través dunha visita guiada, os oito estudos de arquitectura finalistas no concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Lourizán tiveron este sábado o seu primeiro contacto co histórico inmoble. Terán ata o 5 de setembro para presentar as súas propostas

Visita dos estudos finalistas do concurso para rehabilitar o Pazo de Lourizán
Visita dos estudos finalistas do concurso para rehabilitar o Pazo de Lourizán / PontevedraViva

A través dunha visita guiada, os oito estudos de arquitectura finalistas no concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Lourizán tiveron este sábado o seu primeiro contacto co histórico inmoble. Terán ata o 5 de setembro para presentar as súas propostas.

Os arquitectos, tras recibir toda a documentación técnica que guiará o proceso, percorreron todas as estancias do vello pazo e os edificios que se sitúan dentro da finca, entre eles a vella escola, o invernadoiro de cristal, o lagar ou os xardíns.

A previsión da Xunta é que as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán comecen durante o próximo ano 2025. Contan cun investimento de 17,3 millóns de euros.

Os traballos, segundo explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, durante a recepción dos estudos que participan neste concurso, estenderanse ata 2026.

A idea deste proceso, subliñou Lorenzana, é recuperar todo o recinto de Lourizán para darlle una "nova vida e novos usos", pero sen perder a súa vinculación co sector forestal de Galicia, mantendo os seus espazos para investigación e formación.

Apuntou que o Pazo de Lourizán é actualmente a sede do Centro de Investigacións Forestais, agora integrado na Axencia Galega da Industria Forestal.

Así mesmo, o recinto tamén acolle a Escola de Capataces, dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria e a Rede de Observación Ambiental de Galicia, que está situada nun edificio anexo ao pazo.

O proxecto contempla a rehabilitación dos edificios históricos para uso hoteleiro, cun establecemento deseñado para 4 estrelas; para equipacións públicas e oficinas, para iniciativas para o uso do espazo público e para ser punto de encontro para a ciencia e a empresa forestal.

Ademais, deberán contemplar espazos de aloxamento para investigadores de longa estancia, entre outras dependencias, segundo explicou a arquitecta Alicia Casanova, da Fundación RIA de David Chipperfield, que é a encargada de dirixir todo este proceso.

As oito candidaturas están encabezadas por seis estudos de arquitectura galegos, un de Madrid e outro de Barcelona, seleccionados dos 33 participantes que se presentaron á convocatoria. Os gañadores recibirán un premio de 48.000 euros e encargaranse do proxecto de execución.