O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou a XV Festa do Petote que este ano terá lugar o domingo 16 de febreiro.
Na xornada de exaltación gastronómica deste popular bolo de millo e centeo con chourizo participarán oito establecementos colaboradores que ofrecerán un cocido completo a base de costela, lacón, chourizo de carne e ceboleiro, patacas, verdura, cacheira, petote e postre a un prezo de 25 euros por persoa.
Estes establecementos "son a alma fundamental deste evento gastronómico", segundo dixo o alcalde, Jorge Cubela.
Trátase dos locais: A de Tucho (Augasantas-670 971 785), Casa Blanco (Rebordelo-645 922 996), A Vosa Taberna (Borela-986 763 044), Mesón Casa Perdiz (Aguasantas-649 732 485), A de Yoli (Tenorio-674 404 506), O Comareiro (Cerdedo-986 954 944), Bar Obélix (Tenorio-986 061 000) e O Castiñeiro (Pedre-670 434 498).
A xornada festiva arrancará do domingo 16 de febreiro ás 10 da mañá coa apertura dos postos de artesanía e alimentación.
A festa contará coa tradicional degustación popular na Praza da Chan, a partir das 12:30 horas, amenizada pola Charanga Louband que xa media hora antes percorrerá as rúas de Carballedo animando á veciñanza a participar na exaltación deste produto gastronómico.
Os asistentes poderán probar de balde este produto gastronómico, pero tamén outras pezas tradicionais presentes no cocido como son a cacheira ou o chourizo.
O alcalde afirmou que esta festa "se ten convertido xa nunha cita obrigada para os amantes do bo cocido e do petote en toda a comarca".
Jorge Cubela insistiu en que a Festa do Petote "contribúe a afrontar o preámbulo do entroido favorecendo a actividade económica, xerando interese por visitar o noso municipio e permite que os establecementos teñan unha oportunidade de negocio e de movemento económico, que tamén é importante", salientou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.