Oito empresas interésanse pola xestión da recollida de lixo e a limpeza de vías e praias de Sanxenxo

Sanxenxo
03 de abril 2025
Actualizado: 18:06

O contrato saíu a licitación por 4,4 millóns de euros anuais e cunha duración de dez anos. O servizo incluirá a compra de novos composteiros comunitarios e bases para colectores no rural

Recollida de lixo en Sanxenxo
Recollida de lixo en Sanxenxo

Oito empresas están interesadas en facerse co contrato para a xestión da recollida de lixos e a limpeza de vías e de praias de Sanxenxo durante os próximos 10 anos.

Son o número de ofertas que recibiu o Concello de Sanxenxo no concurso público convocado, no que o contrato saíu a licitación por 4,4 millóns de euros anuais.

As empresas que se presentaron son Ascan Servicios Urbanos-Sociedad Anónima Agricultores de la Vega de Valencia; Constructora San José -El Eijidillo Viveros Integrales; FCC Medio Ambiente; Urbaser; UTE Acciona-Manten; UTE Halkuss Garbialdi; UTE Geseco-Copasa y Oresa e Valoriza Servicios Medioambientales-Ingeser Atlántica.

O servizo incluirá as rozas no rural, así como no parque empresarial de Nantes e no parque de O Espiñeiro que até agora non estaban contemplados, así como a poda de Punta Vicaño ou a compra de novos composteros comunitarios e bases para colectores no rural.

Tamén se inclúe un apartado de recollidas especiais nas que se inclúe os mercados municipais, os animais mortos e aveños en vía pública, os residuos de festas ou festivais e podas.

Ademais, o licitador deberá garantir a apertura de luns a venres e, polo menos, o sábado pola mañá do punto limpo.

A empresa que resulte adxudicataria deberá clausurar todos os colectores soterrados e dotar o servizo con até 600 papeleiras con tapa, así como contar cun stock suficiente de colectores durante a vixencia do contrato.

Haberá tres fases na limpeza de praias: invernal, do 1 de outubro até o último día de febreiro; pre estival, desde o 1 de marzo até o 31 de maio; e estival, de 1 de xuño ao 30 de setembro.

Nesta última, en horario de 5 a 11 horas, limparanse as praias de forma mecánica con polo menos tres máquinas. Silgar deberá manterse limpa durante todo o ano.

A limpeza de aseos en praia que até hora asumía o Concello cun contrato de case 60.000 euros asumirao o novo licitador coa periodicidade de hora e media como até agora.

Os baños abrirán cando o determine o Concello por necesidades de eventos, non só no verán.