A próxima semana, si non hai contratempos, o goberno municipal de Pontevedra contratará a construción do novo parque da Parda.
Son oito as empresas que presentaron as súas ofertas para encargarse da execución deste proxecto, que conta cun orzamento de licitación de 5,3 millóns de euros.
A mesa de contratación, despois de que os técnicos valorasen todas as ofertas recibidas, terá que decidir cal delas é a máis vantaxosa para os intereses municipais.
Antes, unha delas terá que xustificar a súa proposta económica, xa que os técnicos estiman que podería incorrer en baixa temeraria. Terá dous días para detallar por que oferta uns prezos tan baixos e, se non atende a este requirimento, quedará excluída do proceso.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reiterou este xoves que a creación deste parque é un asunto "totalmente transcendental" para o seu goberno.
É o maior parque que se construíu na cidade nos últimos cen anos, desde que se fixeron a Alameda, o parque das Palmeiras ou os xardíns de Vicenti, destacou o rexedor.
O parque, segundo Fernández Lores, estará nunha zona "con moito crecemento", sobre todo con persoas novas, polo que defendeu que será un equipamento "fundamental".
Ademais, lembrou que a intención é conectar este parque co paseo do Gafos, polo que toda a cidade estará conectada de maneira peonil desde a ría até A Parda.
O alcalde recoñeceu certo atraso na tramitación deste proxecto, pero garantiu que "estamos a acelerar o máximo posible" para que as obras poidan comezar canto antes.
CONTRATO DE SEGURIDADE
A Xunta de Goberno deste xoves aprobou tamén a licitación do contrato para a seguridade privada do mercado de abastos, a unidade de atención a drogodependentes e a Casa Azul.
Será por tres anos, con posibilidade de dous máis de prórroga, a uns 100.000 euros anuais.