O Liceo Casino de Pontevedra anunciou a apertura do prazo para presentar candidaturas á presidencia desta entidade social da cidade. A xunta directiva actual tomaba o acordo na última sesión de convocar as eleccións á presidencia e ao posto de contador.
Desta forma, poderanse presentar candidaturas desde o día 1 de setembro ata as 19.00 horas do día 8 do mesmo mes. Nestes oito días, as persoas que opten ao cargo deberán presentar un escrito dirixido á secretaría e co contido previsto no artigo 57 dos estatutos da entidade.
As candidaturas serán proclamadas os días 9 e 10, coa posibilidade de que se presenten impugnacións durante os dous días seguintes. O día 10 celebrarase tamén o sorteo para a formación de dúas mesas electorais.
A campaña establecerase entre o día 13 e o 23 de setembro. A xornada electoral chegará o venres 28 de setembro. As urnas para votar permanecerán abertas entre as 10.00 e as 20.00 horas. Esa mesma noite farase pública a candidatura gañadora.
Actualmente o Liceo Casino conta con 2.026 socios sumando aos de número e aos de honra. Desde 2010, a presidencia da entidade está ocupada por Jaime Olmedo Suárez-Vence.