A Policía Nacional de Pontevedra denunciou este domingo a oito persoas por incumprir as restricións de mobilidade aprobadas pola Xunta de Galicia dentro das medidas para tentar frear a expansión da covid-19. Trátase de cidadáns que foron detectados cando se saltaban o peche perimetral que na actualidade se mantén en todos os municipios galegos e, por tanto, prohibe saír e entrar da localidade de residencia salvo causa xustificada.
Os axentes pontevedreses realizaron este domingo varios controis de mobilidade en distintos puntos de entrada e saída de Pontevedra para verificar se as persoas que se desprazaban entre localidades facíano por causas autorizadas como traballo, atención médico ou coidado de menores, maiores e dependentes, un deles na entrada ao polígono de Sequeiro, preto do límite territorial entre Pontevedra e Barro.
En total, neses controis levantaron sete actas de infracción, todas elas a persoas que se saltaban o peche perimetral, segundo a información facilitada pola Policía Nacional.
Ademais, o labor policial á marxe deses controis permitiu detectar unha oitava infracción dunha persoa que incumpría esa restrición de mobilidade.
Fóra deses controis os axentes tamén denunciaron durante a xornada deste domingo unha persoa que non facía uso da máscara obrigatoria.