Oito colectivos pontevedreses fan un chamamento a manifestarse o domingo en solidariedade cos refuxiados

Pontevedra
11 de setembro 2015

A Federación de Veciños Castelao, os sindicatos Traballadores da Sanidade Pública (TSP), UGT, CC.OO. e CIG e o partidos BNG, PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra fan un chamamento á sociedade pontevedresa e da comarca a que secunden a concentración convocada para este domigo día 13 de setembro ás 12.00 horas na praza da Peregrina

Colectivos convocantes da concentración en solidariedade coas persoas refuxiadas
Colectivos convocantes da concentración en solidariedade coas persoas refuxiadas / Mónica Patxot

A Federación de Veciños Castelao, os sindicatos Traballadores da Sanidade Pública (TSP), UGT, CC.OO. e CIG e o partidos BNG, PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra fan un chamamento á sociedade pontevedresa e da comarca a que secunden a concentración convocada para este domigo día 13 de setembro ás 12.00 horas na praza da Peregrina en solidariedade coas persoas refuxiadas, tanto as de Siria como as doutras partes de Europa.

O presidente da federación Castelao, Juan Manuel Loureiro, valorou, en nome de todos os colectivos convocantes, que "non é de recibo o trato que se lle está a dar a seres humanos que son iguais ca nós, pero teñen unha desgraza, que foi nacer un pouco máis abaixo no Mediterráneo". Nunha comparecencia pública á que tamén asistiron representantes dos outros sete colectivos, pediu que se lle de "unha solución conxunta" a todas eses miles de persoas que se atopan nesta situación na maior crise migratroria de Europa.

A concentración deste domingo incluirá a lectura dun manifesto no que os colectivos lle esixen ao Goberno estatal, entre outras cuestións, que se poña fin á guerra e ás intervencións militares dos Estados occidentais en Siria e que se promovan activamente a vía pacífica e a negociación para lograr a resolución dos conflitos; así como que defenda a Unión Europea que cambie radicalmente a política de blindaxe das fronteiras por unha operación permanente de axuda e salvamiento.

Os convocantes piden tamén que o Goberno estatal reciba e acolla a todas as persoas refuxiadas e desprazadas que corresponda e que se habiliten, se fose necesario, mecanismos de financiamento urxente e extraordinario para establecer os medios materiais e humanos para o acollemento áxil e eficaz das persoas.

As concentracións convocáronse en todo Galicia á mesma hora e o sábado, día anterior, hai convocadas tamén a nivel europeo unha serie de concentracións que, no caso de Pontevedra, será ás 12.00 horas na Peregrina.

Arquivado en