Para oito colectivos veciñais da zona norte de Pontevedra, a variante de Alba é unha infraestrutura de "vital importancia" para mellorar a mobilidade en todo o municipio. Así o sosteñen nunha carta que remitiron ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
A misiva está asinada polas asociacións de Lérez, O Chedeiro (Cerponzóns), O Carballo (Os Campos), O Mirador (Monte Porreiro), A Capela (A Devesa), Os Tres Pinos (Santa María de Xeve), O Crabadoiro (Santo André de Xeve) e Outeiro do Castro (Verducido).
Outras tres, segundo explicou Fernández Lores, están a estudar sumarse a esta fronte común, entre elas una de Campañó, para demandar un impulso "definitivo" a este proxecto.
Os portavoces veciñais destacan que este vial conectaría de maneira directa toda a zona norte de Pontevedra con Poio e Sanxenxo, con Vilagarcía ou coa autoestrada AP-9 e ofrecer unha mellor conexión cara ao centro de saúde de Lérez e o hospital de Montecelo.
"Estamos nun novo tempo", subliñou o alcalde de Pontevedra, que espera que este sexa un "punto de inflexión" para que a Xunta faga esta estrada, que uniría a PO-531 e a N-550, para a que o goberno municipal ofrecerá "por activa e por pasiva" todas as facilidades.
O rexedor defendeu que o proxecto redactado polo Concello "non ten nada que ver" coa proposta "durísima" deseñada no seu día polos técnicos autonómicos. Asegurou que estaría "adaptada ao territorio" e que tería un impacto "mínimo" na zona.
Para a construción desta variante, que tería dous carrís, medidas de acougado de tráfico e senda peonil e ciclista, non sería necesario expropiar ningunha vivenda e manteríanse "a nivel" o acceso a todas as propiedades afectadas.
Sería un vial, reiterou Miguel Anxo Fernández Lores, similar ás actuacións realizadas na Rolda Leste, o novo acceso a Monte Porreiro por Os Campos ou a Avenida Josefina Arruti, impulsando unha mobilidade "sostible e amable".
Fernández Lores entende que "non hai escapatoria" para non executar esta obra, para a que considera un "bo sinal" o proxecto de reforma da PO-531 presentado pola Xunta, que inclúe unha rotonda "no mesmo sitio" no que desembocaría a nova variante.
O Concello remitiu de novo á Xunta toda a documentación relativa a este proxecto e o alcalde solicitou unha entrevista coa nova conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para tratar de desbloqueala.