Ofertas "a tope de power" no controvertido concurso da auga

Pontevedra
23 de marzo 2018

A Mesa de Contratación do concurso para a adxudicación do servizo público de abastecemento de auga potable e saneamento do  Concello de Pontevedra reuniuse este venres para abrir sóbrelos  C nos que as empresas que aspiran a este multimillonario contrato presentan as súas ofertas económicas    

Raimundo González, concelleiro responsable de contratación e do ciclo da auga
Raimundo González, concelleiro responsable de contratación e do ciclo da auga / PontevedraViva

A mesa de contratación do concurso para a adxudicación do servizo público de abastecemento de auga potable e saneamento do Concello de Pontevedra reuniuse este venres para abrir os sobres C nos que as empresas que aspiran a este multimillonario contrato presentan as súas ofertas económicas.

Segundo explicou o concelleiro responsable de contratación e do ciclo da auga, Raimundo González as empresas que concorren ao concurso presentaron unhas ofertas "a tope de power".

Sete das dez empresas ofrecen "grandes investimentos", superando as melloras máximas contempladas no prego, fixadas en 58 millóns de euros. Entre outras cuestións ofrécense como melloras: completar o saneamento do rural, dotar de auga a máis da metade das parroquias, dotar de servizos ao novo Montecelo e á rúa Echegaray, mellorar as estacións de bombeo e tratamento de auga potable.

Ademais das melloras da oferta, Raimundo González explicou que hai baixas substanciais no prezo máximo da auga, que no prego estaba fixado en 1,38 céntimos/metro cúbico. Hai tres empresas que baixan dese prezo.

O canon é o suposto no que hai máis diversidade. O canon pagarase ao Concello nunha soa contía nos primeiros anos do contrato polo uso da rede. O prezo mínimo fixado no contrato era de 1,5 millóns de euros polos 20 anos de adxudicación. Hai dúas empresas que ofertan 10 millóns de euros, unha que oferta 7,8 millóns. O resto ofertan entre 5,6 millóns e 2 millóns de euros.

ALEGACIÓN

Na mesa de contratación unha das empresas manifestou que había erros no informe técnico anterior (o sobre B) e pediu a suspensión da apertura de plicas, unha solicitude á que se sumaron os concelleiros de Cidadáns e o Partido Popular. Os catro representantes da administración e o concelleiro do BNG votaron en contra de suspender en base ao que dixo o asesor xurídico da corporación, que esta alegación non causaba "un dano que sexa de difícil reparación", segundo reflíctese no acta. 

A representante de Marea ausentouse, e o Partido Socialista non acudiu á Mesa.

O portavoz do PP, Jacobo Moreira, reiterou a súa petición de suspensión do procedemento e destacou que, á espera da valoracións que realicen os técnicos sobre as ofertas económicas presentadas, hai dúas empresas que serían máis vantaxosas economicamente para os veciños de Pontevedra. "Estas dos empresas presentaron mejores ofertas que la actual concesionaria, Viaqua, y que resultó ser la mejor puntuada por la empresa Lagares Oca  SL en la fase previa", apuntou o portavoz dos populares.

Raimundo González lembrou que "isto é un concurso, non é unha subasta" polo que se adxudicará o contrato "en funcion dunha variedade de criterios" e non unicamente por unha oferta económica.

Pola súa banda a edil de Cidadáns, María Rey criticou que as dúas ofertas económicas máis vantaxosas para Pontevedra "quedarán fuera del concurso del agua a consecuencia de la arbitraria valoración técnica". María Rey insistiu en que os erros cometidos en todo o proceso de valoración técnica beneficiarán a unha firma "y no se va a escoger a la mejor empresa para la ciudad".

Desde este momento, o proceso de adxudicación do contrato da auga segue nas mans dos técnicos que teñen que comprobar a coherencia entre a oferta económica aberta hoxe e o estudo económico presentado polas empresas, que realmente ten que reflectir que todos os custes e investimentos prometidos son viables.

Arquivado en