Continúan as actividades da Escola Feminista para a Mocidade durante as próximas semanas con propostas para persoas que teñan entre 15 e 35 anos.
Desde novembro desenvólvense distintas accións que terán continuidade con novos cursos e talleres. A preinscrición permanece aberta a través do formulario en liña aberto na páxina oficial do Concello de Pontevedra.
Unha vez realizada a preinscrición avisarase ás persoas admitidas en cada actividade para que formalicen a inscrición definitiva coa documentación precisa. Para máis información, as persoas interesadas teñen a opción de contactar coa Oficina de Xuventude, en horario de 09.00 a 14.00 horas na Casa da Luz; no teléfono 986.840.367 ou no correo electrónico [email protected]
As prazas dispoñibles ofrécense para as seguintes actividades:
- 'Obradoiro sobre a Familia'. Trátanse os patróns familiares e os lastres que poden implicar coas disfuncionalidades e peso que teñen no machismo. Será o sábado 27 de xaneiro de 2024, de 10.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Número de prazas: 20.
- Curso de igualdade e prevención das violencias machistas, no que se tratará a igualdade con accións prácticas e teóricas; os feminismos e a prevención das diferentes tipoloxías da violencia machista. Está previsto para os días 20, 27 de febreiro e 5 de marzo de 2024. O horario é de 17.00 a 20.00 horas. Ofrécense vinte prazas.
- Curso de Historia dos Movementos Feministas. Tratarase a cuarta onda do movemento feminista e cuestións relacionadas co ecofeminismo e o feminismo interseccional e poscolonial. As datas establecidas son o 12, 19 e 26 de marzo, con horario de 17.00 a 20.00 horas. Tamén se ofrecen vinte prazas.
- Obradoiro 'Como axudo?'. Nesta actividade estudaranse os modos de acompañar ás mulleres afectadas polas violencias machistas, estratexias de comunicación, procesos e comportamentos para acompañar. Ofrécense vinte prazas.