As persoas que estean a buscar traballo temporal teñen a oportunidade de solicitar un emprego a través da oferta que o Concello de Ribadumia publicou para a LI edición da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación dás Variedades Autóctonas.
Segundo expoñen desde o Concello, necesitan persoal para atender a clientela na carpa de venda de viños desta Festa tradicional. Realizarase un contrato eventual a tempo completo desde a xornada do venres 31 de maio ata o domingo 2 de xuño.
As persoas solicitantes deben ser maiores de idade. Avaliarase a experiencia previa no sector hostaleiro. O prazo para presentar solicitudes finaliza o 15 de maio. É necesario entregar o formulairo que está dispoñible nas oficinas do Concello de Ribadumia ou a través da páxina web do Concello.
CONCURSO DE CAMISETAS
Ademais, o goberno local estableceu as bases para o Concurso de Camisetas desta edición. Premiaranse as máis orixinais con deseño que faga referencia á exaltación do Viño Tinto.
Poden participar as "peñas" que formen parte do evento e deberán estar compostas por un mínimo de cinco integrantes. Unha pena ou calquera dos seus membros non deberá presentar máis dunha camiseta a este concurso.
É necesario presentar, nas dependencias municipais, un exemplar da camiseta impresa.
O prazo para entregar a camiseta finaliza o 16 de maio ás 13.00 horas.
O Concello repartirá 350 euros en premios. O primeiro alcanza os 200 euros.
A entrega de premios, tras a decisión do xurado, realizarase o sábado 1 de xuño, ás 12.30 horas, na Carballeira de Barrantes durante os actos centrais da cata final.
Desde o grupo de goberno animan a toda a veciñanza do municipio e de concellos próximos a participar deste concurso para exaltar os valores da Festa do Viño Tinto e da gastronomía local.