Acabar cos comportamentos incívicos que, afortunadamente, son minoritarios entre os donos dos cans de Pontevedra. Ese é o obxectivo da campaña municipal coa que o Concello quere acabar coa incómoda e desagradable presenza de 'cacas' nos parques e rúas da cidade.
Esta iniciativa, que leva por nome 'Bo cidadán canino, boa cidadá canina' foi presentada este xoves no parque Amalia Álvarez polos concelleiros de Benestar Social e de Desenvolvemento Sostible, Marcos Rey e Iván Puentes, e membros de Os Palleiros e do club Diverti Cans.
A campaña traducirase na distribución de folletos con consellos para pasear ás mascotas, a instalación de carteis e bandeirolas que advirten dos prexuízos que as deposicións teñen sobre os xardineiros ou das sancións que a lei recolle para aqueles que non as retiran.
Ademais, haberá unha 'performance' en diferentes espazos urbanos que consistirá na sinalización das 'cacas' non recollidas mediante cruces marróns.
O responsable de Desenvolvemento Sostible explicou que esta iniciativa busca "amplificar o constante berro da cidadanía por camiñar sen medo a atoparse con residuos caninos e gozar de parques e rúas limpos de substancias impropias".
Pola súa banda, Marcos Rey destacou a necesidade de corrixir "comportamentos egoístas e incívicos" que, á marxe das sancións de ata 500 euros, require de campañas de concienciación "para que sexa o conxunto da sociedade a que amose un rexeitamento contundente".
Engadiu que "ninguén debería ter un can se non pode coidar del nas condicións axeitadas e de comportarse dun xeito cívico e empático", cumprindo co seu deber de educalo e, sobre todo, de educarse a si mesmo na recollida dos excrementos e a limpeza dos mexos con auga".
A este respecto, o Concello complementará esta campaña de fomento de recollida de deposicións coa distribución de botellas para que os donos de cans perdan o "incivilizado e desconsiderado costume" de non limpar con auga os ouriños nos espazos públicos.
Carlos Souto, responsable do club canino Diverti Cans, incidiu na necesidade de concienciar á xente de que "un can non é un xoguete, non lle podemos sacar as pilas, senón que ten necesidades psicolóxicas e físicas, entre elas saír á rúa a facer os seus excrementos, e os donos debemos ser responsables de que iso non se quede na rúa".
Neste mesmo sentido, Raquel Bello, de Os Palleiros, indicou que esta campaña fai fincapé en algo que debería ser básico. "Unha cousa é que un día che quede unha caca atrás e outra os que frecuentan zonas e horarios nos que saben que son pouco vistos", asegurou.