Un grupo de estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual no Campus de Pontevedra están a facer realidade o seu proxecto de Fin de Grao coa curtametraxe OCO (oco_curtametraxe).
O equipo, composto por alumnos e alumnas de 4º curso, encara a recta final dos seus estudos cunha obra que explora a ausencia e a pegada que deixan as persoas que xa non están.
O proxecto atópase en fase de pre-produción dende setembro e a rodaxe terá lugar os días 6, 7 e 8 de maio na Mariña Lucense, concretamente nas comarcas de Foz e Ribadeo.
A ficción, de non máis de dez minutos de duración, narra a historia de Marina Xil, unha muller que se enfronta a soidade tras a perda do seu marido. A súa nova realidade débuxase entre o silencio e pequenas escenas cotiás que evocan recordos dun pasado compartido.
OCO reflexiona sobre o baleiro que deixa a morte, a maneira na que a ausencia se transforma en presenza e como seguimos habitando os espazos que un día compartimos con aqueles que xa non están.
A dirección e o guión da curtametraxe están a cargo de Anxo González, mentres que Gabriela García asume a dirección de produción e Sara Rubido encárgase da dirección de arte.
Para estes tres estudantes, OCO representa o seu Traballo de Fin de Grao, un proxecto co que buscan plasmar a súa visión creativa e consolidar os coñecementos adquiridos ao longo da carreira.