Obxectivo: Feira Franca sen acoso e incidentes

Pontevedra
31 de agosto 2018

Lonas penduradas polas rúas do centro histórico e arredores convidando a todas e todos a non calar: se ves ou sofres violencia sexual chama ao 092, 091 ou 112

O "Fiel contraste" anuncia a Feira Franca
O "Fiel contraste" anuncia a Feira Franca

Unha Feira Franca sen sustos. O Concello desprega un amplo dispositivo de seguridade co fin de atender calquera tipo de incidencia que se poida rexistrar (acoso, furtos, agresións, indisposicións...) ao tempo que retoma a campaña posta en marcha coas festas de Peregrina para informar e facer un chamamento a cidadanía para que se ve ou sofre algún tipo de acoso chame ao 091, 092 ou 112, teléfonos dos servizos de emerxencias.

De novo banderolas penduradas por distintos puntos do centro histórico e arredores - escenario da Feira Franca- farán un recordatorio a todas e todos de que se chame á Policía Local, Policía Nacional e Emerxencias se ve ou sofre calquera tipo de acoso.

As lonas incorporan lemas contra a violencia sexual como: Non te pase nin un pelo tío; Se queres ligar empeza por respectar; Se ves algo raro chama, as festas son para tod@s; Se alguén o pasa mal, non é unha festa... e inclúese un chamado específico para non permitir abusos na comunidade LGTBI, Gústeche quen che guste, a nós gústasnos ti.

Estas banderolas estarán penduradas en rúas como Michelena e ao carón dos distintos lugares de referencia dos servizos de emerxencia que forma parte do dispositivo de seguridade da Feira Franca. No Concello, onde haberá un punto de atención da Policía Local; no Teatro Principal, sede do Posto Médico Avanzado; na praza Valentín García Escudero, na rúa Alameda e no cruce Michelena/Bastida onde estarán as ambulancias adicadas a Feira Franca; na praza de Ourense, posto de Protección Civil e na praza de España e proximidades de Valentín García Escudero, Bombeiros

Na loita contra a violencia de xénero, o Concello conta coa profesionalidade, formación e sensibilidade da Policía Local sempre atenta a actuar ante posibles casos de acoso e agresións sexuais, un xeito de actuar fronte á violencia de xénero reforzado nesta ocasión con instrucións internas especificas co fin de que ningún agresor saia impune.

Arquivado en