As obras de transformación da Praza da Pedreira comezan este luns

Soutomaior
18 de outubro 2024

O proxecto realizarase en toda a contorna da praza, humanizando e modernizando os espazos que a conforman, ademais de recuperar a esencia tradicional deste espazo

Praza da Pedreira, en Soutomaior
Praza da Pedreira, en Soutomaior / Concello de Soutomaior

As obras de transformación da Praza da Carreira dos Bolos, no barrio da Pedreira, comezarán este mesmo luns.

Así o anunciou o goberno municipal de Soutomaior, que destaca que será "unha importante actuación" na contorna rural do municipio e que se suma á tamén aprobada humanización da N-550 ao seu paso por Arcade.

Nesta actuación, o Concello invertirá preto de 180.000 euros para construír o primeiro dos núcleos de centralidade que se van a desenvolver na parroquia.

O proxecto, deseñado polo estudo Cendón-Vazquez Arquitectos, realizarase en toda a contorna da praza, humanizando e modernizando os espazos que a conforman.

Ademais, as obras tamén teñen por obxectivo recuperar a esencia tradicional deste espazo no que hai décadas os veciños e veciñas do barrio xuntábanse para xogar aos bolos celtas.

Proxecto para a Praza da Pedreira, en Soutomaior
Proxecto para a Praza da Pedreira, en SoutomaiorConcello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, recoñeceu o traballo do equipo de goberno para conseguir o financiamento necesario para acometer tanto estas obras como a transformación rural e urbana de Soutomaior.

"Soutomaior está a seguir o modelo de vertebración e transformación urbana e rural de concellos como Tomiño e Allariz, que á vista está que tan bos resultados dá", sinalou Lourenzo.

Destacou que "temos un concello marabilloso, cunhas posibilidades infinitas, e xa é hora de que se poña en valor para que o espazo rural e urbano poidan estar á altura do que merece a veciñanza".

Ás obras que comezan este luns no barrio da Pedreira súmanse a actuación na Praza da Aldea, en Arcade de Riba, na que se levou a cabo a súa humanización e conversión nun núcleo de centralidade.