En xaneiro, xusto despois de Reis, poderán retomarse as obras de reforma integral da Rúa da Santiña, que levaban paralizadas desde hai semanas. Isto será posible tras o acordo alcanzado polo Concello con Unión Fenosa Distribución para soterrar todo o cableado do alumeado.
Será a compañía eléctrica a que corra con todos os gastos desta actuación, incluída a instalación das novas arquetas, segundo explicou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que pediu desculpas aos veciños por este atraso.
Fernández Lores afirmou que a actividade nestas obras non poderá volver antes ante o parón que se produce no Nadal en todo o sector da construción.
Tras este soterramento, a empresa Civis Global, encargada desta reforma, na que se invisten 1,8 millóns de euros, poderá comezar a colocar o pavimento definitivo en toda a rúa.
O rexedor asegurou ser "consciente" de que este atraso nas obras "é unha molestia" para os cidadáns e que non ter pavimento "xera certos problemas", pero considera importante que "xa que se fai a obra" o alumeado quede soterrado "do mellor xeito posible".
Con todo, agarda que se cumplan os prazos e estea rematada antes de xuño.
Esta intervención porá o ramo a unha reforma deseñada para humanizar esta rúa, pola que discorre un tramo do Camiño Portugués a Santiago. Abarca os 800 metros de lonxitude que teñen a Rúa da Santiña e a Rúa da Gándara, desde o seu inicio na Avenida da Coruña ata a súa conexión co ENIL da Xunqueira de Alba, no tramo final da rúa Martín Códax.
O primeiro tramo, entre o cruzamento coa Avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade, terá un carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, é ata o cruzamento coa Rúa da Gándara.
A nova Santiña terá un pavimento en formigón continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Dispoñerá de arboledo para facer máis brando percorrido, principalmente liquidámbar e chopos. Terá mobiliario urbano como bancos, cadeiras e conservará a fonte existente. A iluminación será a través de báculos e farois suxeitas en fachadas.
Un dos traballos principais da obra será a substitución de todos os servizos soterrados da rúa: abastecemento, saneamento, servizo eléctrico, gas e telecomunicacións.
TRANSFORMADOR DE BARCELOS
O alcalde informou tamén do acordo con Unión Fenosa Distribución para retirar, por fin, o transformador eléctrico do colexio de Barcelos, despois de que se completaran todos os trámites administrativos, "que foron moitos".
Así, Fenosa sacará todo o equipamento eléctrico do interior do colexio e procederá a instalalo no transformador que construíu o Concello no marco das obras de reforma da Praza de Barcelos.
As obras realizaranse nun período que non sexa lectivo para non interferir na actividade do colexio.