Comezan as obras en Samieira para achegar os servizos básicos ás vivendas pendentes no camiño da Coita

Poio
02 de decembro 2024

Conta cun investimento de 50.000 euros para facer unha actuación integral que dá resposta a varias vivendas

Obras no camiño da Coita
Obras no camiño da Coita /

O Concello de Poio comezou as obras en Samieira para dotar de servizos básicos de abastecemento, saneamento e evacuación de pluviais as vivendas pendentes no Camiño da Coita.

O proxecto conta cun investimento de 50.000 euros que está a executar a empresa Covsa.

Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, vai permitir dotar destes servizos esenciais a varias vivendas e fincas deste lugar que "inexplicablemente" quedaron sen dotación destas redes cando en 2022 se executaron melloras en varias zonas de Arén.

O alcalde di que "ninguén entendía a razón" de por que, despois de facer o Concello un investimento tan importante para dotar a Arén de saneamento, abastecemento e pluviais, o deixasen incompleto "excluíndo do proxecto a un puñado de vivendas unifamiliares" en camiño da Coita.

Así, apunta Moldes que mesmo "nalgún caso ten aínda menos explicación, porque eran propietarios de terreos que cederon para acopio de material durante as obras, polo que estaban dobremente molestos".

As obras contemplan unha mellora integral e reposición de pavimento acorde ao entorno e facilitando a integración peonil da zona.

As instalacións transcorrerán pola PO-303, onde hai unha cuneta existente de formigón que se vai demoler para instalar a rede de saneamento por debaixo.

Ademais, realizarase unha perforación horizontal dirixida baixo a calzada, evitando así afección algunha sobre o firme existente.

Con respecto ás pluviais, instalarase 137 metros de cuneta de formigón triangular remontable para garantir a recollida da auga.