A intención do Concello de Pontevedra de relanzar o mercado municipal durante o actual mandato está a dar estes días un paso decisivo coa contratación de obras de emerxencia no edificio da rúa Serra destinadas a solucionar problemas que se manifestaron despois dos temporais deste outono.
Estas obras de emerxencia suporán un investimento total de 242.410,47 euros e terán como actuacións principais a reparación das cámaras frigoríficas e a instalación dun novo depósito de augas estanco.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, anunciou este xoves estas obras e destacou que son "o principio dunha posta a punto e unha acondicionamento do propio equipamento municipal", que ten unha fase física con estas e outras obras e tamén unha fase destinada a revitalizar o primeiro andar.
Nesta ocasión, supón un "investimento importantísimo" para o mercado de abastos, moi superior aos realizados nos últimos mandatos.
Estas obras suporán "corrixir o problema" que se deu a raíz das intensas precipitacións, que provocaron un aumento de caudal e danos, sobre todo, nas cámaras frigoríficas.
A primeira pata é substituír o depósito de augas que tiña o propio mercado e facer un novo depósito estanco para a canalización das augas, unha obra "prioritaria" para "garantir a salubridade e todas as condicións necesarias para que o mercado funcione axeitadamente". Este novo depósito estanco continuará na súa localización actual, no cuarto das cámaras.
A segunda pata será reparar as cámaras frigoríficas, que "tiveron bastantes danos pola presencia de auga no primeiro soto", unha actuación "importantísima" porque as cámaras frigoríficas "son unha peza indispensable no funcionamento".
Ademais, van aproveitar para mellorar a instalación de electricidade e completar as canalizacións da rede interior de saneamento e a súa conexión coa rede xeral municipal. Vaise mellorar a conexión dos postos individuais coa rede xeral ampliando o diámetro das canalizacións de 40 a 75.
As obras vanse facer "con todas as cautelas pertinentes" e "intentando respectar o máximo as datas nas que estamos", o Nadal, no que hai unha actividade fundamental no mercado.
Van ir trasladando as cámaras frigoríficas "pouco a pouco", sen cambialas todas á vez, de tal maneira que van "intentar que non afecte na medida das posibilidades o funcionamento normal da praza". Recoñecen que son obras e "obviamente, van a causar algunha molestia", pero agardan "que sexa mínima".