Obras de asfaltado con cortes de tráfico en tres rúas céntricas de Marín a partir do luns

Marín
14 de decembro 2024

Os traballos afectan a varias zonas de Rúa da Ponte, Busto de Abaixo e Doutor Touriño e durarán ata o mércores 18

Rúa Doutor Touriño
Rúa Doutor Touriño / Concello de Marín

O Concello de Marín iniciará este luns, 16 de decembro, unha serie de traballos de asfaltado en diversas zonas de Rúa da Ponte, Busto de Abaixo e Doutor Touriño, co obxectivo de renovar o firme nas áreas máis deterioradas.

As actuacións prolongaranse ata o mércores 18 e implicarán, de maneira temporal, restricións de tráfico e aparcamento.

Na Rúa da Ponte, o proxecto centrarase no reasfaltado dun tramo de 1,30 metros de ancho no lateral dereito en dirección Tiro Naval Janer-centro urbano, unha zona especialmente afectada polos baches.

O Concello destaca que, paralelamente, continúa traballando cos técnicos da Xunta de Galicia para adaptar o proxecto de humanización desta rúa ás demandas dos comerciantes, aínda que estas deben cumprir coas esixencias dos Fondos Europeos que financian a actuación.

En canto á Rúa Busto de Abaixo, o asfaltado cubrirá toda a rúa, mentres que en Doutor Touriño renovarase o pavimento no tramo comprendido entre a zona adoquinada e os colectores de lixo situados tras a entrada do Supermercado Froiz.

Nestes dous viais, o tráfico será cortado de forma eventual para facilitar os traballos, segundo indica o goberno local.

O Concello de Marín subliña que estas actuacións forman parte dun plan de mellora do estado das rúas máis céntricas, garantindo unha maior seguridade e comodidade para a veciñanza.