En marcha as obras para transformar o antigo Conservatorio nun Centro internacional de creatividade

Pontevedra
03 de novembro 2024
Actualizado: 10:44

As primeiras actuacións foron o baleirado do inmoble e a colocación dun guindastre na rúa Alfonso XIII para poder traballar en todos os andares do edificio

Base do guindastre para a reforma do Conservatorio
Base do guindastre para a reforma do Conservatorio / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra iniciou nestas semanas a reforma do edificio municipal do antigo conservatorio de música, na rúa Alfonso XIII, para transformalo en Centro internacional de creatividade.

Arrancou coa instalación dun guindastre na rúa e o baleirado de todo o inmoble. A instalación do guindastre é necesario para poder traballar en todo o edificio dada a súa altura. Ademais, este guindastre obriga ao peche da rúa Alfonso XIII, polo que se garante o acceso a garaxes tanto dende a rúa Echegaray como dende a rotonda de Concepción Arenal.

O proxecto está cofinanciado polas axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública, incluídas dentro do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP), xestionadas polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

A empresa adxudicataria Gómez Crespo está a realizar a rehabilitación que ten un custe de 1,5 millóns de euros. Ten un prazo de execución de 6 meses e ten un prazo de garantía de dous anos.

A empresa ofertou todas as melloras incluídas no prego (valoradas en máis de 65.000 euros) que consisten na reforma dos equipamentos das plantas soto, baixa e sexta, a mellora acústica e da ventilación.

O edificio ten unha superficie construída de máis de 1.700 metros cadrados. O soto pasará a ser unha sala de audiovisuais e albergará a sede do Seminario Permanente de Jazz, namentres que a planta baixa pasará a ser un espazo de "testeo" e proba para iniciativas culturais de diversa índole.

As dúas primeiras plantas habilitaranse para instalar unha aceleradora de economía social na que emprendedores creativos poidan dar os seus primeiros pasos impulsando os seus propios proxectos.

Os andares terceiro, cuarto e quinto serán espazos para desenvolver obradoiros que, nun principio, poderán estar relacionados coa carpintería, a cerámica, o deseño industrial ou os materiais téxtiles, aínda que o seu destino definitivo está por pechar.

O inmoble tamén albergará unha residencia para creadores no sexto andar, onde artistas convidados poidan impulsar proxectos temporais que ofrezan algún tipo de contraprestación á cidade de Pontevedra. O baixo cuberta tamén contará con este uso, a maiores dunha terraza ao aire libre pensada para acoller todo tipo de presentacións e actos culturais.

O Concello quere que este edificio sexa un laboratorio da creatividade conxugando a mellora estética coa eficiencia enerxética, ao tempo que se mantén a estrutura orixinal.