Obradoiros de Defensa Personal para Mulleres, novos protagonistas do programa 'A Vida é Movernos'

Pontevedra
20 de novembro 2021

Os días 30 de novembro e 3, 14 e 17 de decembro celebraranse no Ximnasio B do Pavillón Municipal dos Deportes catro obradoiros de dúas horas de duración cada un impartidos de balde por expertos do Club Taekwondo Taekanart

Cartaz dos obradoiros de Defensa Persoal para Mulleres
Cartaz dos obradoiros de Defensa Persoal para Mulleres

Talleres de Defensa Persoal para Mulleres serán os vindeiros protagonistas do programa municipal 'A Vida é Movernos', impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde.

Coincidindo coas datas de reivindicación e visibilización da eliminación da violencia contra as mulleres, os días 30 de novembro e 3, 14 e 17 de decembro celebraranse no Ximnasio B do Pavillón Municipal dos Deportes catro obradoiros de dúas horas de duración cada un impartidos de balde por expertos do Club Taekwondo Taekanart.

O obxectivo destes cursos é achegar unha serie de ferramentas e habilidades que reforcen as actitudes mentais e corporais; o desenvolvemento de mobilidade corporal e capacidades de anticipación, esquiva, evasión e acción-reacción, a capacidade de toma de decisións e iniciativa ou reacción ante a ameaza ou a agresión coa finalidade de evasión e fuxida.

"Estes talleres de Defensa Persoal para Mulleres pretenden afrontar o problema da violencia machista desde un prisma global, achegando coñecementos, actitudes e técnicas ante situacións de agresión e autoafirmando e reforzando psíquica e fisicamente a mulleres que a sofren ou son susceptibles de sufrila", explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

Neles, as participantes poderán aprender métodos de autodefensa e evasión que lles permitan salvar diferentes situacións, e recibirán preparación física e psíquica contra situacións impactantes ou traumáticas.

Os obradoiros, aclarou Fernández, "non están enfocados exclusivamente a mulleres que foron ou son vítimas de maltrato machista, senón a tódalas mozas e mulleres que desexen participar, xa que temos que pensar en impulsar este tipo de iniciativas desde idades temperás, con carácter preventivo, tentando evitar que a violencia chegue a estar presente".

Entre as cuestións que se abordarán están incluídos os obxectivos de lograr saír ilesas ou co mínimo dano, utiliza-la máxima enerxía na defensa, realizar teatro de submisión para conseguir o obxectivo final, conseguir involucrar a terceiras persoas na acción e utilizar os cauces legais de protección e denuncia.

Todas aquelas mulleres que queiran participar nos talleres poderán facelo mediante inscrición previa na dirección de email [email protected], existindo un máximo de 30 prazas dispoñibles.