O Concello de Cuntis pon en marcha unha ampla programación con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora o vindeiro luns, 25 de novembro.
Precisamente, o programa inaugurouse este mércores coa posta en marcha de 'Mergullémonos', un obradoiro de promoción da igualdade e de prevención de violencias de xénero que está dirixido a maiores de 55 anos.
A concelleira de Igualdade, Ana Loureiro, acudiu este mércores á primeira das catro sesións das que consta esta actividade, que tamén se desenolverá os días 27 de novembro e 4 e 11 de decembro. Participan neste ciclo arredor de 75 veciños, divididos en dous grupos de traballo, en Troáns e en Cuntis.
A iniciativa consiste na promoción da igualdade e intervención con mulleres vulnerables. Tal e como explica Ana Loureiro, este obradoiro busca achegar aos participantes ferramentas útiles en materia de sensibilización e prevención, así como en detección precoz de abusos e discriminacións contra as mulleres maiores.
Estas sesións son un complemento axeitado e moi útil para as persoas que participan nos cursos de ximnasia de mantemento e do taller de memoria que cada ano organiza o Concello.
'Mergullémonos' está impartido por Ana Constenla, da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galegas.
Ademais deste obradoiro, dentro da programación do 25N o Concello tamén desenvolverá unha campaña informativa e promocional entre o tecido comercial de Cuntis. Desde este venres, repatirase material de merchandising entre numerosos locais da localidade, para dar visibilidade e poñer en valor a igualdade e o rexeitamento á lacra social que supón a violencia contra as mulleres.
Asemade, o luns terá lugar, ás 12.00 horas, a habitual lectura do manifesto do 25N, ás portas da Casa Consistorial, coa presenza de autoridades políticas locais e persoal municipal.
Pola tarde, a partires das 16.00 horas, celebrarase unha nova edición da Andaina do 25 de novembro. Partirase desde a Praza da Constitución, para completar un percorrido circular de 3,5 quilómetros de distancia, de dificultade media-baixa.
No transcurso desta actividade visitaranse diferentes lugares de interese, como os Pasos de Meira, os Petróglifos de Cartas ou o Muíño do Sagrado Corazón.
Trátase dun circuito apto para todas as edades e que contará coa participación do alumnado das clases de ximnasia de mantemento. Una serie de obradoiros dirixidos ás crianzas, en chave lúdica e educativa, completan a programación.